Pasar al contenido principal

O Centro de Linguas Modernas amplía a súa oferta docente para 2015-2016

Sentados, Katerina Vlasakova e Roberto López na presentación celebrada na Sala de Prensa coa tradución a lingua de signos de Irene Rivas
Sentados, Katerina Vlasakova e Roberto López na presentación celebrada na Sala de Prensa coa tradución a lingua de signos de Irene Rivas
Os próximos días 10 e 16 están previstas as probas de nivelación

Unha oferta de idiomas maior, novas modalidades orientadas á aprendizaxe de linguas estranxeiras en contextos informais, o recoñecemento do traballo autónomo e novas vías de acreditación son algunhas das novidades que afrontará o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) este curso 2015-2016. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova, presentaron a oferta educativa así como as principais novidades da programación de actividades deste centro universitario nunha rolda de prensa na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, que acompañou a a profesora de lingua de signos do CLM, Irene Rivas. A matrícula para diferentes cursos xa se pode formalizar ata o vindeiro 22 de setembro (agás español como lingua estranxeiras por ter un calendario específico”. A principal novidade nesta nova convocatoria vén dada pola introdución das certificacións dixitalizadas e o avance na ampliación da oferta dos cursos semestrais de 40 horas de duración en Compostela, onde se impartirán cursos de alemán, francés e italiano, ademais dos xa consolidados como son os cursos de chinés, danés, lingua de signos, catalán, checo, portugués, ruso e xaponés. Ademais, estrearanse cursos de inglés semestral no segundo semestre. Polo que respecta ao Campus de Lugo, mantense a oferta semestral con clases de inglés e portugués e a incorporación de alemán e francés. Polo que respecta aos cursos anuais de 80 horas de alemán, francés e inglés, a oferta esténdese por igual aos dous campus. O CLM incorporará en 2015-2016 as horas de traballo autónomo, o que permitirá ao alumnado centrarse nas destrezas que máis necesita mellorar e así intensificar a súa aprendizaxe. Como explicou a directora do centro, esta medida, que garante a maior calidade para o/a alumno/a, reflectirase tamén no cómputo de créditos, “o alumnado pode recibir un crédito ECTS por cada 25 horas do curso”. Sumando as horas nesta modalidade coas das sesións presenciais, os semestrais contarán así cunha equivalencia de ata dous créditos e os anuais con ata catro. Tamén lingua de signos está igualmente recoñecida para a súa equivalencia en créditos ECTS. Certificacións dixitalizadas O pasado mes de xullo entrou en funcionamento a primeira fase do novo sistema de certificacións automatizadas acreditadas con selo de órgano e código seguro de verificación conforme á Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Nunha segunda fase, estas certificacións automatizadas estarán dispoñibles dende a rede tamén para o resto da comunidade universitaria. Estes documentos expídense ao remate dos cursos e probas de competencia lingüística e están axustados á normativa europea, editados en galego, español e en inglés e pudendo imprimir tantas certificacións oficiais como se precisen e sen necesidade de solicitar duplicados. O CLM, que este ano 2015 celebra o seu 40 aniversario, completa a súa oferta académica cos cursos semestrais de galego para non galegofalantes, cursos intensivos e semi-intensivos e semestrais de español como lingua estranxeira (ELE), cursos de cultura e literatura e cursos de preparación para DELE B2 e C1. Ademais, tamén se impartirá un curso semi-presencial de preparación para os exames de catalán do Instituto Ramón Llul e un curso de euskera na convocatoria de verán para 2016. Nivelación a matrícula Todas as persoas interesadas nalgúns dos cursos e que xa posúan coñecementos previos máis non teñan o nivel asignado polo CLM non pola EOI no último ano, terán que facer unha proba de nivelación os días 10 ou 16 de setembro, data do remate do prazo de inscrición neste tipo de probas. O único requisito para matricularse é ter un mínimo de 16 anos. Probas de competencia O CLM é centro examinador para a comunidade universitaria da USC de alemán, inglés, francés, italiano e portugués en Santiago e de alemán, inglés e francés en Lugo, non só das probas B1 que organiza dende 2009, senón tamén, dende 2015, das probas de nivel B2. As probas de acreditación B1 e B2 son necesarias para os estudantes que queiran realizar a mobilidade con algún programa europeo ou cun convenio bilateral promovido pola USC, ao tempo que acreditan o coñecemento de idioma necesario para rematar os estudos de grao ou matricularse nun máster da USC. O CLM mantén na súa programación para o novo curso preto de 6.000 prazas en exames de competencia lingüística en cinco linguas diferentes. Ademais destas, o CLM organizará durante 2015-2016 diferentes probas de acreditación noutros idiomas en calidade de centro delegado de diferentes entidades de prestixio internacional como o Goethe Institut, Instituto Cervantes, Japan Foundation, Università per Stranieri di Siena e tamén de Centre de Langue Française da Cámara de Comercio e Industria de París e, dende 2015, do British Council. Para este ano, está previsto que en colaboración co Servizo de Deportes se desenvolvan rutas de sendeirismo lingüístico para xuntar o público internacional e nacional que haxa nos cursos e facilitar o intercambio de coñecemento da comarca ao tempo que se practican novos idiomas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.09.2015.