Pasar al contenido principal

Dúas obras da USC, galardoadas cos XVIII Premios Nacionais de Edición Universitaria

O xurado emitiu este xoves o ditame (Foto: UNE)
O xurado emitiu este xoves o ditame (Foto: UNE)
Coñecéronse este xoves os once mellores libros publicados polas universidades en 2014

As obras editadas pola Universidade de Santiago Antimateria, magia y poesía e Semiótica de textos selectos. Charles Sanders Peirce resultaron gañadoras dos XVIII Premios Nacionais de Edición Universitaria que recoñecen as mellores publicacións das universidades e centros de investigación de España de 2014. Antimateria, magia y poesía fíxose co galardón á mellor obra de divulgación científica. Entre as razóns para entregar o galardón a este libro, do que son autores José Edelstein e Andrés Gomberoff, o xurado destacou “a claridade da exposición e amenidade do tratamento de temas verdadeiramente complexos nun soporte económico que favorece a difusión”. Este volume é o primeiro da ‘Biblioteca de Divulgación. Serie Científica’ da USC que dirixen os profesores Francisco Díaz-Fierros e Jorge Mira. “Dar visibilidade á produción científica galega a través duns textos selectos de Pierce”. Ese é o motivo que levou ao xurado dos Premios a considerar que a mellor tradución dos volumes editados o pasado ano polas universidades españolas é Semiótica de textos selectos. Charles Sanders Peirce , responsabilidade de María Uxía Rivas Monroy e Manuel Outeiriño e vixésimo cuarto número da colección ‘Clásicos do pensamento universal’. O resto dos premios, de entre os 128 que concorrían, foron para La fiesta barroca (Universidade Jaume I), obra mellor editada; Malas (UNED), mellor monografía en Arte e Humanidades; Catálogo Patológico de edificaciones en el casco urbano de la Ciudad de Burgos (Universidade de Burgos), mellor monografía en Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura; El laboratorio de Wundt (Universidade Jaume I), mellor monografía en Ciencias da Saúde; Public Compliance. Prevención de la corrupción en administraciones públicas y partidos políticos (Universidade de Castela-A Mancha), mellor monografía en Ciencias Xurídicas e Sociais; Historia de la España medieval (Universidade de Salamanca), mellor edición dixital e multimedia; Biblioteca de Historia (CSIC), mellor colección; Hacedores de imágenes (Universidade de Granada/Editorial Comares S.L.), mellor coedición cunha editorial privada; Diccionario político y social del mundo iberoamericano (Universidade do País Vasco/CEPC) e Shakespeare en España. Bibliografía anotada (Universidade de Murcia/Universidade de Granada), premio ex aequo á mellor coedición interuniversitaria. Ademais, recibiron mencións especiais á mellor monografía en Arte e Humanidades Los cazadores recolectores del pleistoceno y del holoceno en Iberia y el estrecho de Gibraltar (Universidade de Burgos) e El Greco en el Laberinto (Universidade de Castela-A Mancha). Na categoría da mellor monografía en Ciencias da Saúde houbo unha mención especial para Aplicación de las mallas protésicas sintéticas de diseño propio en el Prolapso Vesical y en la Incontinencia Urinaria de Esfuerzo (Universidade de Sevilla), e na de mellor tradución outras para Las Furias. Violencia y terror en las revoluciones francesa y rusa (Universidade de Zaragoza) e Adiós a la sopa de pan, hola al sushi (Universidade de Valencia).

O xurado estivo integrado por Beatriz Hernanz, directora de Cultura do Instituto Cervantes; Vicent Climent, reitor da Universidade Jaume I en representación da Conferencia de Reitores que se ausentou naquelas candidaturas ás que optaba a súa Universidade); Manuel Rodríguez Rivero, crítico literario; Manuel Toharia, divulgador científico; Antonio Fontana, coordinador de Libros do ABC Cultural; Nuria Azancot, xefa de redacción de El Cultural de El Mundo; e Winston Manrique, coordinador-redactor de Libros e Literatura da sección de Cultura de El País.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.09.2015.