A USC impulsa a creación da Rede de Asesoramento e Innovación Rural en Galicia

A USC impulsa a creación da primeira rede de asesoramento e innovación rural en Galicia (RAIR), coa pretensión de satisfacer e dar resposta ás inquedanzas manifestadas por asesores rurais de Galicia no marco dunha reunión de traballo desenvolvida en outubro na Escola Politécnica Superior de Lugo no marco das Xornadas Internacionais de Asesoramento Rural promovidas pola rede de Investigación para a Xestión Sustentable da Empresa Agroalimentaria (IGSEA) do Campus de Lugo.
Así, apenas dous meses despois de ter coñecemento desta demanda e grazas ao compromiso adquirido polos profesores da USC Florentino Díaz e Enrique Arbones para poñer en marcha unha rede galega, esta nova estrutura bota a andar agora baixo a denominación Rede de Asesoramento e Innovación Rural. O ámbito de actuación é limitado á Comunidade Autónoma de Galicia e a pertenza á rede resérvase a persoas individuais, non esixíndose titulación académica algunha. A Rede de Asesoramento e Innovación Rural, que vén de constituírse como rede nunha primeira reunión fundacional celebrada no campus de Lugo, nace coa pretensión de agrupar non só a asesores rurais e agricultores e Pemes rurais, respectivamente os prestadores e usuarios do servizo de asesoramento. Os promotores desta iniciativa prevén tamén a integración doutros actores do Sistema de Coñecemento e Innovación Agraria, coñecido internacionalmente polo acrónimo inglés AKIS, tales como o son o persoal da administración e centros de investigación agraria, educadores e formadores, subministradores de inputs agrarios, transformadores e comercializadores, ou técnicos e consultores do medio rural, entre outros. A inscrición de novos membros ou calquera consulta relacionada coa rede poden realizarse na dirección de enderezo electrónico aconsellamento_igsea [at] outlook.es (aconsellamento_igsea[at]outlook[dot]es). A RAIR pretende ser un foro para realizar propostas que permitan promover a figura do asesor como motor de innovación no desenvolvemento rural, lograr unha comunicación fluída e bidireccional coa administración responsable de implementar as medidas de asesoramento, e mellorar a calidade do servizo de asesoramento. O momento da súa creación antóllase moi oportuno, pois o Regulamento Europeo 1305/2013 obriga aos estados membros a establecer un sistema de asesoramento ás explotacións agrarias e Pemes rurais e a promover a formación de asesores. Estas medidas van ser implementadas no marco do recentemente aprobado Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia. En futuras reunións os membros integrados na RAIR definirán as ferramentas e métodos a empregar para alcanzar os obxectivos propostos. As propostas iniciais pasan por realizar catro reunións ao ano, a primeira das cales terá lugar o venres 29 de xaneiro na Escola de Guísamo (Bergondo). Asemade, dada a dificultade para manter reunións presenciais con frecuencia, acordouse que o foro principal de discusión será a futura páxina web propia da rede, que se atopa en fase de construción. Custeada pola rede IGSEA, esta nova fiestra virtual quedará dispoñible a mediados de xaneiro de 2016. A web disporá de aplicacións en liña que permitirán inscribir novos membros, realizar suxestións e propostas, promover iniciativas, subir noticias, etc. Crearanse ademais áreas persoais dos membros da rede, e áreas reservadas ás entidades colaboradoras e interesadas en participar nas actividades a rede.