A USC sitúase á cabeza das universidades españolas en proxectos de divulgación científica e tecnolóxica financiados pola Fecyt
A USC sitúase á fronte das universidades españolas con máis proxectos financiados pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015, un programa que na súa última edición recibiu 722 solicitudes das que se aprobaron un total de 190. Do total das propostas aprobadas para o seu financiamento, sete corresponden a proxectos presentados e liderados por profesores e investigadores da institución académica compostelá.
Entre os proxectos da USC que volven a contar con respaldo económico da Fecyt mantéñense programas xa coñecidos e consolidados como o son o campionato internacional de modelado de precisión en 3D con teléfono móbil D3Mobile, dirixido por Juan Ortiz. Outro dos programas apoiados pola Fecyt e xurdido no campus de Lugo é Xuvenciencia, un proxecto liderado por Mercedes Novo e que ademais do campamento estival dirixido a estudantes preuniversitarios, tamén inclúe unha xornada orientada ao profesorado e durante a que se desenvolven diversos experimentos, así como o seu posterior traslado ás aulas de ensino preuniversitario. Regueifas de Ciencia, unha proposta liderada por Laura Sánchez, é terceiro dos programas divulgativos da USC incluídos na última convocatoria de axudas da Fecyt e consiste na organización de catro foros de debate sobre outros tantos temas de interese científico. O programa de Estímulo do Talento Matemático entre estudantes de 12 a 15 anos (Estalmat), promovido nas súas orixes polo reitor Juan Viaño; o espazo de divulgación científica Efervescencia 16, guiado por Manuel Vicente; Creactívate, unha iniciativa de Carlos Hernández Sande, e a proposta coordinada por Mª Carmen Bao Varela ‘Desenvolvemento de recursos educativos dixitais para o ensino de Física-Química, Tecnoloxía, Bioloxía-Xeoloxía en Educación Primaria, ESO e BAC, completan a relación de proxectos impulsados pola USC apoiados pola Fecyt a través da última edición do programa de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015. A última convocatoria deste programa de axudas á divulgación científica da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), rexistrou a participación dun total de 328 entidades públicas e privadas, das que un 28,05% se corresponden con solicitantes novos respectos aos rexistrados en 2014. Asemade, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o formato audiovisual e as actividades dirixidas ao público en xeral nas que os científicos dean a coñecer a actividade dos seus respectivos grupos de investigación foron dous dos criterios que primaron a concesión de axudas, un proceso no que tamén se deu prioridade a proxectos que desenvolven aplicacións para dispositivos móbiles e videoxogos que resultan de utilidade como ferramentas de divulgación científica. A resolución de proxectos financiados pola Fecyt a través do programa de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015, sitúa á USC á cabeza das universidades españolas con máis proxectos seleccionados, por diante incluso dos cinco concedidos á Universidade de Barcelona. No que atinxe a Galicia, a USC acapara sete dos 10 programas apoiados pola Fecyt, que tamén concedeu axudas a outras tres solicitudes presentadas polos concellos de A Coruña e de Pontevedra, así como a un proxecto solicitado pola Deputación de Pontevedra.