A chuvia de estrelas Perseidas producirase na noite do día 12 ao 13 de agosto

Consideradas as estrelas fugaces máis famosas, as Perseidas ou Lágrimas de San Lourenzo rexistrarán este ano a súa máxima actividade nas últimas horas da noite do 12 ao 13 de agosto. Segundo explica o director do Observatorio Astronómico Ramón Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo, agárdase que en lugares con ceo ben escuro podan verse ata un máximo de entre 80 e 100 meteoros á hora. Aínda que este ano a Lúa non molestará a visión por atoparse en fase nova e non estará presente de noite, o director do OARMA sinala que as condicións meteorolóxicas serán decisivas, segundo o lugar no que nos atopemos, para a boa observación das Perseidas . No caso de Galicia, as previsións a día de hoxe “non parecen moi alentadoras” lamenta José Ángel Docobo. Para un correcto avistamento, engade o director do Observatorio, é recomendable situarse nun lugar suficientemente alonxado das luces de vilas e cidades e colocarse preferentemente deitado mirando cara arriba e ao leste. O Observatorio Astronómico Ramón María Aller colabora con Cidade da Cultura de Galicia na organización dunha sesión especial para a observación das Perseidas dende as instalacións de monte Gaiás a partir das 22.30 horas do mércores 12. Como tamén explica o director do Observatorio universitario, dende que o ano 36 d.C. se tivo a primeira testemuña, as Perseidas acoden puntualmente á súa cita de agosto e reciben o seu nome porque o radiante ou punto do ceo de onde parecen provir está na constelación de Perseo. Ademais, a súa acepción como Lágrimas de San Lourenzo atribúeselle porque no pasado eran visibles o día 10, aínda que en realidade poden observarse esporadicamente dende o 17 de xullo ao 24 de agosto. As chamadas chuvias de estrelas prodúcense cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan tras de si ao moverse arredor do Sol. No caso concreto das Perseidas (chamadas así porque o radiante ou punto do ceo de onde parecen provir está na constelación de Perseo), o cometa proxenitor é o 109P/Swift-Tuttle, explica o profesor Docobo. Este cometa descubrírono en 1862 dende Estados Unidos Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle case de forma simultánea e pouco despois o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli foi quen advertiu da súa relación coas Perseidas. O Swift-Tuttle describe a súa órbita en pouco máis de 135 años, e foi en decembro de 1992 cando pasou por última vez polas cercanías do Sol. Outras observacións Como explica o director do OARMA, nesta época serán visible distintos obxectos de grandes interese, ademais desta chuvia de estrelas. Unha vez teña anoitecido e sempre dende lugares ben escuros, haberá a oportunidade de contemplar a Vía Láctea, “esa banda leitosa que se estende pola bóveda celeste e que pasa por constelacións como a propia Perseo, Cassiopea, o Cisne, o Aguia e Saxitario”. Tamén tres estrelas brillantes: Vega (en Lira), Altair (en Aguia) e Deneb (en Cisne) constitúen o chamado Triángulo de Verán e que, aproximadamente, cara a unha da madrugada poderá verse no máis alto. Ademais, cabe mencionar tamén a constelación de Perseo, que sae na Península a media noite cara o noroeste. Está situada entre Cassiopea (visible toda a noite coa súa característica forma de W ou M) e o Toro (que sae máis tarde, sobre as 2.30). Como tamén engade Docobo, en Perseo con axuda duns prismáticos é posible observar o famoso Dobre Cúmulo, constituído por dúas asociacións estelares moi próximas. Coa axuda dun pequeno telescopio, o responsable do responsable astronómico da USC tamén sinala que se terá acceso á nebulosa anular de Lira (cerca de Vega) así como ao cúmulo globular M13 en Hércules ou á estrela dobre Albireo Cisne, no que unha compoñente é azul e a outras laranxa.