Conmemoran en Medicina os 120 anos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

O claustro baixo da Facultade de Medicina acubilla dende este martes 1 un percorrido fotográfico, documental e museístico polos 120 primeiros anos de historia do Colexio Oficial de Médicos da Coruña. Co lema ‘120 anos de Medicina’, a organización colexial e a USC inauguraron unha mostra nun acto que contou coa presenza do vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigadora, Luís Lima; o decano do centro, Juan Gestal; o presidente do Colexio, Luciano Vidán, e o comisario da mostra, Ricardo Gurriarán.
A montaxe, que se inaugurou en xullo na cidade da Coruña, pon en valor os aspectos sanitarios máis relevantes dende finais do XIX en que naceu o Colexio (1894) tanto no eido informativo como asistencial e de infraestruturas, ademais de salientar as principais figuras médicas que xogaron un papel fundamental na historia da medicina na provincia. O relato da mostra pon en paralelo a permanente comunicación entre os acontecementos históricos, políticos, académicos e científicos de cada época e a súa incidencia no ámbito da profesión médica.
A relación coa institución universitaria é un elemento transversal en todo o fío condutor da exposición, tanto a través de protagonistas como de acontecementos puntuais que resaltan o labor da Facultade na formación regrada e na definición de programas de actualización para os profesionais da medicina ou a atención á novas tendencias científicas e metodolóxicas que logo se plasmaron na práctica cotiá.
O vicerreitor Luís Lima apelou no acto inaugural da mostra á colaboración “sempre activa” entre a USC e o Colexio, “xustáronse así o bo facer dos profesionais preocupados por curar e o dos profesores, preocupados por descubrir novas solucións aos problemas de cada sociedade”. Na súa opinión, a exposición “tamén permite comprender mellor as decisións políticas que se foron tomando ao longo dos anos e que permiten hoxe falar dun sistema sanitario de calidade, como pode ser o galego”.
En referencia á idoneidade da propia facultade compostelá como sede temporal da exposición, “ este edificio é, sen dúbida, un lugar que veu pasar case todo o que se conta na mostra e forma parte importante da historia da medicina en Galicia do século XX”.