Pasar al contenido principal

A USC sitúase á cabeza das universidades españolas en proxectos de divulgación científica e tecnolóxica financiados pola Fecyt

Cartaz da convocatoria de axudas da Fecyt
Cartaz da convocatoria de axudas da Fecyt
Sete dos 190 programas seleccionados na última convocatoria de axudas da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía desenvolveranse nos campus de Lugo e de Santiago

A USC sitúase á fronte das universidades españolas con máis proxectos financiados pola Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt) a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015, un programa que na súa última edición recibiu 722 solicitudes das que se aprobaron un total de 190. Do total das propostas aprobadas para o seu financiamento, sete corresponden a proxectos presentados e liderados por profesores e investigadores da institución académica compostelá. Entre os proxectos da USC que volven a contar con respaldo económico da Fecyt mantéñense programas xa coñecidos e consolidados como o son o campionato internacional de modelado de precisión en 3D con teléfono móbil D3Mobile, dirixido por Juan Ortiz. Outro dos programas apoiados pola Fecyt e xurdido no campus de Lugo é Xuvenciencia, un proxecto liderado por Mercedes Novo e que ademais do campamento estival dirixido a estudantes preuniversitarios, tamén inclúe unha xornada orientada ao profesorado e durante a que se desenvolven diversos experimentos, así como o seu posterior traslado ás aulas de ensino preuniversitario. Regueifas de Ciencia, unha proposta liderada por Laura Sánchez, é terceiro dos programas divulgativos da USC incluídos na última convocatoria de axudas da Fecyt e consiste na organización de catro foros de debate sobre outros tantos temas de interese científico. O programa de Estímulo do Talento Matemático entre estudantes de 12 a 15 anos (Estalmat), promovido nas súas orixes polo reitor Juan Viaño; o espazo de divulgación científica Efervescencia 16, guiado por Manuel Vicente; Creactívate, unha iniciativa de Carlos Hernández Sande, e a proposta coordinada por Mª Carmen Bao Varela ‘Desenvolvemento de recursos educativos dixitais para o ensino de Física-Química, Tecnoloxía, Bioloxía-Xeoloxía en Educación Primaria, ESO e BAC, completan a relación de proxectos impulsados pola USC apoiados pola Fecyt a través da última edición do programa de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015. A última convocatoria deste programa de axudas á divulgación científica da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), rexistrou a participación dun total de 328 entidades públicas e privadas, das que un 28,05% se corresponden con solicitantes novos respectos aos rexistrados en 2014. Asemade, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o formato audiovisual e as actividades dirixidas ao público en xeral nas que os científicos dean a coñecer a actividade dos seus respectivos grupos de investigación foron dous dos criterios que primaron a concesión de axudas, un proceso no que tamén se deu prioridade a proxectos que desenvolven aplicacións para dispositivos móbiles e videoxogos que resultan de utilidade como ferramentas de divulgación científica. A resolución de proxectos financiados pola Fecyt a través do programa de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015, sitúa á USC á cabeza das universidades españolas con máis proxectos seleccionados, por diante da Universidade de Barcelona (5). No que atinxe a Galicia, a USC acapara sete dos 10 programas apoiados pola Fecyt, que tamén concedeu axudas a outras tres solicitudes presentadas polos concellos de A Coruña e de Pontevedra, así como a un proxecto presentado pola Deputación de Pontevedra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2015.