Pasar al contenido principal

Analizan en París e Cardiff os resultados dun proxecto da USC sobre o papel das pequenas cinematografías en versión orixinal

Analizan en París e Cardiff os resultados dun proxecto da USC sobre o papel das pequenas cinematografías en versión orixinal
Analizan en París e Cardiff os resultados dun proxecto da USC sobre o papel das pequenas cinematografías en versión orixinal
O equipo do proxecto eDCINEMA intensifica as accións de difusión das conclusións desta pescuda do Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento

O Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago, baixo a dirección da profesora Margarita Ledo Andión, traballa no proxecto de investigación ‘Cara ao Espazo Dixital Europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal’ (eDCINEMA), que ten por obxecto a detección das barreiras que impiden a consolidación do cinema en versión orixinal como axente mediador nas políticas de diversidade, amais da identificación das chaves para a mellora da visibilidade e a accesibilidade destas cinematografías no espazo dixital comunitario.

Ledo Andión conducirá este venres 4 no Centro de Estudos dos Media, as Tecnoloxías e a Internacionalizacion (CEMTI) da Universidade París 8 un encontro científico cos numerosos investigadores que forman parte do proxecto. Tras a exposición pública dos resultados principais do proxecto, o profesor Jaques Guyot dirixirá un debate sobre a conceptualización dos cinemas nacionais, as barreiras para a accesibilidade dos filmes en linguas non hexemónicas e a intervención das políticas públicas europeas na preservación destas formas de diversidade cultural.

A xornada súmase ás actividades de divulgación que os membros do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC (GEA) veñen desenvolvendo noutras cidades europeas. A finais de novembro o equipo organizou en Cardiff o simposio ‘Finlandia, Galicia, Gales. Os retos dos pequenos cinemas en linguas minorizadas’ no que, coordinado por Marta Pérez Pereiro e Mª Soliña Barreiro González, participaron académicos, representantes institucionais e profesionais do sector cinematográfico de diferentes nacións nun debate sobre a visibilidade dos pequenos cinemas e a eficacia das políticas públicas implicadas na difusión dos filmes nacionais.

Froito deste encontro científico, o Grupo de Estudos Audiovisuais e o Centre for the Study of Media Culture and Small Nations da Universidade de South Wales están colaborando na conformación dunha rede investigadora que reivindique o apoio público ás pequenas cinematografías en linguas non hexemónicas como garante da diversidade cultural europea. Esta actuación inscríbese na liña de traballo da iniciativa Glocal cinema: big stories, small countries que xurdiu o pasado setembro no Festival de Cine de Donosti.

Co financiamento do Programa Nacional de Proxectos de Investigación Fundamental 2012 do Ministerio de Economía e Competitividade, o equipo do proxecto está composto por membros de diferentes universidades do Estado (Santiago, Madrid, Málaga, Murcia, Salamanca, Sevilla, País Vasco e Vigo) e conta coa colaboración de reputados estudosos internacionais como Jacques Guyot (Université Paris 8), Thomas Elsaesser (Unviersiteit van Amsterdam) Hannu Vanhanen (University of Lapland) e Steve Blandford (University of South Wales).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2015.