Pasar al contenido principal

Un novo acordo do Consello de Goberno complementa os criterios para a incorporación de persoal investigador ao abeiro do programa Ramón y Cajal

O Consello de Goberno alcanzou un novo acordo que complementa os criterios que rexen o proceso de incorporación de investigadores ao abeiro do programa Ramón y Cajal. Estes criterios establecían a posibilidade de incorporar á USC un máximo de cinco solicitudes, catro delas reservadas a áreas de coñecemento deficitarias en termos de capacidade docente e unha para áreas con excedente docente estrutural. O novo acordo aprobado polo Consello de Goberno celebrado este xoves permitirá que, no caso de non cubrir as cinco prazas conforme aos criterios previstos inicialmente, se asignen entre as restantes solicitudes en orde de prioridade das áreas solicitadas, segundo o seu menor excedente docente estrutural. Neste suposto, a concesión de prazas estará condicionada á cooperación dos grupos de investigación, a través dun compromiso de financiamento para a achega de recursos que contribúan ao custe dos contratos. Os novos criterios ofrecen maiores posibilidades a candidatos/as do campo das Humanidades, que presentan maiores dificultades para facer visible a súa produtividade investigadora no contexto dos indicadores cuantitativos utilizados en moitos sistemas de medición. Como se puxo de manifesto na xuntanza extraordinaria do Consello de Goberno, esta decisión supón un importante apoio ás liñas de investigación xa establecidas ao poder incorporar durante cinco anos investigadores que superaron un dos procesos de selección máis esixentes do Estado español. Neste eido ademais, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón abrir con cargo aos recursos do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego unha liña estable que asuma o custe do financiamento que se lle esixe achegar ao centro receptor dos candidatos/as para complementar orzamentariamente a axuda recibida.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2014.