Pasar al contenido principal

Estudan a xerminación das sementes de flora representativa do litoral galego para axudar á súa conservación

Miguel Ángel Domínguez defendeu a súa tese no Ibader
Miguel Ángel Domínguez defendeu a súa tese no Ibader

A flora litoral desempeña unha función capital no mantemento dos sistemas costeiros, uns dos ecosistemas máis sensibles e vulnerables do territorio galego con diferentes tipos de hábitats de interese para a conservación e de prioridade segundo a Directiva Hábitats europea. Para axudar e favorecer a súa conservación, Miguel Ángel Domínguez Martínez realizou para a súa tese doutoral un estudo de xerminación das sementes de flora representativa de litoral de Galicia. Dirixida por Tersa Cornide Paz e Elvira Antonia Díaz Vizcaíno, na investigación analizouse a xerminación de 27 especies características de hábitats de litoral atlántico co obxectivo xeral de contribuír ao coñecemento do seu funcionamento. En concreto, tratouse de avaliar o efecto da luz sobre a xerminación, tanto nas sementes recentemente recollidas como almacenadas a curto prazo, así como a súa variabilidade interanual. Ademais, caracterizouse as sementes segundo o seu tipo de latencia ou durmición e a posibilidade de formar bancos de sementes no solo e analizouse o efecto da salinidade e a capacidade de recuperación nas condicións do seu propio medio natural. Por último, estableceuse a función da xerminación das sementes no mantemento, conservación e/ou restauración dos hábitats costeiros. A investigación demostra a ausencia dunha única estratexia específica xerminativa predominante. O mesmo acontece, explica Domínguez, coa variabilidade interanual e co almacenamento a curto prazo. Da combinación do efecto e duración da estratificación en frío e xiberelinas resultou que a durmición fisiolóxica, especialmente a non profunda, está ben representada en case a metade das especies estudadas. Ademais, o nivel de emerxencia das plántulas da maioría das especies é moi baixa ou baixa, e similar entre os niveis de profundidade analizados. Os resultados acadados poden aplicarse en plans de conservación ou restauración dos hábitats de litoral, establecendo pretratamentos apropiados para estimular o nivel e o ritmo de xerminación de sementes dende a perspectiva dunha eficiente obtención de planta no propio ambiente natural así como caracterizando a idoneidade das especies estudadas, segundo o seu nivel e rapidez de emerxencia de plántulas. O tribunal que lle outorgou á tese a cualificación de sobresaliente cum laude presidiuno o catedrático de Biodiversidade e Xestión Ambiental da Universidade de León, Estanislao de Luis Calabuig; e composto ademais por Mª Jesús Aira Rodríguez e Mª Mercedes Casal Jiménez, da USC; Miguel Ángel Álvarez, do INDUROT da Universidade de Oviedo; e Mª Luz Valbuena Relea, da Universidade de León.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.12.2014.