Pasar al contenido principal

A ACSUG avala a calidade dos dous títulos de grao e do máster que se imparten na Facultade de Ciencias do campus de Lugo

Facultade de Ciencias do campus de Lugo
Facultade de Ciencias do campus de Lugo
O decano salienta que os informes positivos recibidos no centro universitario proban o bo traballo que desenvolven a diario docentes e investigadores

A Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) vén de constatar a boa calidade da docencia e investigación desenvolvida no marco dos títulos de grao e no máster que se imparten na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC.

O decano deste centro universitario lugués, que actualmente ofrece ao estudantado a posibilidade de cursar os graos en Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, así como o Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, salientou que os informes positivos recibidos na facultade de parte da ACSUG veñen a recoñecer o bo traballo que están a realizar os docentes e investigadores que participan no día a día e fan posible desenvolver estes programas académicos. José Manuel Martínez Ageitos fixo especial fincapé no importante aval que supón para a Facultade de Ciencias de Lugo recibir esta avaliación positiva da súa oferta académica por parte da Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia, xa que é proba de conformidade de que se está a facer un bo traballo no centro. Ageitos sinalou asemade que a Facultade de Ciencias é un dos primeiros centros da USC que ve acreditada a calidade da docencia dos seus títulos cos informes de seguimento positivos que cada ano emite a ACSUG. O decano precisa que tanto os dous títulos de grao como o máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental se estaban a desenvolver segundo os parámetros de calidade indicados nas súas respectivas memorias de título. A validación de calidade dos títulos por parte da ACSUG constitúe, na opinión de Martínez Ageitos, un novo apoio á actividade do centro e tamén para a confianza dos propios alumnos/as, que, deste xeito, teñen a certeza de que están a recibir unha formación de máxima calidade, dixo. Expectativas de matrícula As expectativas de matrícula nos títulos de grao en Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, así como no máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medio Ambiental chaman ao optimismo, segundo indicou Martínez Ageitos, quen confía en continuar no curso 2014-15 a evolución positiva experimentada nos últimos anos. A demanda de estudantes no caso do grao en Nutrición Humana e Dietética semella estar garantida, pois trátase dun título moi atractivo e con boas expectativas laborais a curto e medio prazo. Unha realidade semellante é a do máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, un programa de posgrao xa plenamente consolidado no campus lugués e con financiamento asegurado que ano tras ano cubre o número de prazas ofertadas logo dun proceso de selección que deixa fóra un bo número de solicitantes. O grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, o menos coñecido e tamén o que rexistra un menor número de matriculados, está a experimentar un interese crecente, segundo indicou Martínez Ageitos, quen, logo de lembrar o significativo aumento de novos alumnos/as matriculados/as o pasado curso, agarda que esta tendencia teña continuidade cara o próximo exercicio académico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.07.2014.