Pasar al contenido principal

A USC divulga os usos investigadores e docentes da Estación Científica do Courel a través dun documental audiovisual

Dolores Castro, Pablo Ramil, Álvaro Santos e Antonio Rigueiro, na Estación Científica do Courel
Dolores Castro, Pablo Ramil, Álvaro Santos e Antonio Rigueiro, na Estación Científica do Courel
A curtametraxe, desenvolvida ao abeiro dun convenio entre a USC e a Fundación TIC, está accesible na web da USC e achega ampla información da ECC e da Serra do Courel

A Universidade de Santiago de Compostela divulgará os cometidos para os que foi creada a Estación Científica do Courel (ECC) a través dun documental audiovisual que afonda nas vertentes de investigación, docencia, divulgación e transferencia de tecnoloxía que conxuga este este servizo universitario. O vídeo estará proximamente dispoñible na web da propia ECC.

O director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, presentou este xoves nas instalacións deste servizo universitario con sede en Seoane do Courel, esta curtametraxe de promoción, elaborada pola Fundación TIC da Deputación Provincial de Lugo ao abeiro dun convenio coa Universidade de Santiago. O vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil; o deputado provincial e padroeiro da Fundación TIC, Álvaro Santos, e a alcaldesa courelá, Dolores Castro, tamén participaron na presentación deste documental audiovisual, unha curta duns sete minutos de duración, na que se ofrece unha visión integral da Serra do Courel, así como das potencialidades da Estación Científica da USC. O documental audiovisual sobre a Estación Científica do Courel, un material que se empregará nas presentacións deste servizo universitario aos distintos colectivos que se achegan a coñecer as instalacións e prestacións que ofrece a ECC, tamén estará accesible en internet para todas as persoas interesadas na súa consulta na propia páxina web deste servizo de apoio á docencia e á investigación da USC. A dispoñibilidade deste novo documento audiovisual centrado na Estación Científica do Courel e, por extensión, referido tamén ás particularidades e á riqueza paisaxística e de biodiversidade que atesoura a serra courelá, responde ás liñas de actuación propostas pola actual dirección da ECC para a difusión social e a potenciación deste servizo da Universidade de Santiago. O novo documento audiovisual da Estación Científica do Courel pretende, ademais das propias funcións de difusión e divulgación do devandito centro e dos seus usos, actuar como unha nova fiestra ou escaparate da serra courelá, “un espazo xeográfico da área montañosa do occidente galego que reúne peculiares valores históricos, culturais, xeolóxicos, ecolóxicos e paisaxísticos”, segundo reza a curta, que ofrece cumprida información sobre esta localización xeográfica e sobre as súas características e particularidades. De xeito parello, o audiovisual elaborado sobre a Estación Científica do Courel, ofrece tamén cumprida información respecto dos servizos, instalacións, equipamentos, recursos... que están a disposición das persoas interesadas na sede da Estación Científica do Courel, emprazada na localidade de Seoane do Courel.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2014.