A USC produciu un total de 8.000 documentos científicos entre 2008 e 2012

Nunha relación na que figuran 501 institucións de ensino superior de Iberoamérica ordenadas segundo a súa produción científica, a Universidade de Santiago ocupa o posto 26 e o número 13 de entre as españolas. Os datos están recollidos no último informe de SCImago Institutios Rankings (SIR) en relación co ámbito iberoamericano, e concretamente para o período comprendido entre os anos 2008 e 2012, último período de análise dispoñible. No informe se inclúen todas as institucións con, como mínimo, un documento incluído na base de datos Scopus no quinquenio 2008-2012. Esta base de datos configúrase como a maior do mundo en literatura científica, composta principalmente por revistas académicas e actas de congreso. As revistas incluídas axústanse ás normas de calidade académicas, especificamente ao sistema peer-review. En total, estarían incluídas 21.000 revistas, 370 series de libros, 5,5 millóns de conference papers e 5.000 editoriais. Segundo este informe, a Universidade de Santiago produciu no quinquenio analizado 8.001 documentos, 422 máis que no período 2007-2011. Ademais, incrementa igualmente o índice relativo á produción científica realizada en colaboración con institucións doutros países, cun 41,04%, fronte ao 39,98% do período anterior. A institución académica compostelá tamén mellora os seus rexistros cando se analiza a ratio de documentos que publica nas revistas máis influíntes do mundo, as emprazadas no primeiro cuartil de categoría. Neste capítulo, a USC pasa de 50,47% do período 2007-2011 a 52,88% no último analizado. A Universidade compostelá tamén mellora no impacto normalizado, onde alcanza unha valoración de 1,27 (calculado segundo a metodoloxía do Karolinska Institute) e no índice de especialización, indicativo do grao de concentración ou dispersión temática da produción científica. Neste último, a USC alcanza un valor de 0,42, o que incrementa nun 35% a súa valoración con respecto ao período 2003-2007 (0,27), primeiro período de análise de SIR Iberoamérica.
Fronte estes datos, a produción da USC segue unha tendencia á baixa en ratio de excelencia, liderado científico e excelencia con liderado, conforme á tendencia experimentada nos últimos anos dende o período 2005-2009, último no que se experimentou crecemento nestes capítulos. Neste senso, as trinta primeiras universidades españolas deste informe –cunha excepción- presentan esta mesma tendencia de descenso nestes mesmos indicadores. Este último informe de SIR persegue servir de ferramenta de análise e avaliación da investigación e propón ofrecer unha visión xeral sobre os resultados de investigación das institucións iberoamericanas e proporcionar un instrumento de benchmarking ás institucións de ensino superior.