A Fundación USC Deportiva impartirá en marzo un curso sobre tai chi

Cun máximo de 15 prazas, a Fundación USC Deportiva organizará o vindeiro mes un curso monográfico sobre tai chi impartido por Amancio Rial. Nunha xornada de seis horas, o curso achegará aos participantes á cultura e ás diferentes visións que certas disciplinas orientais teñen sobre o corpo e a mente, ademais de profundar en técnicas de respiración, meditación e relaxación. Os temas impartidos fundamentarán un correcto movemento baseado nas ideas chinesas do yin e do yan, o desprazamento circular e a adecuada posición do corpo, ademais de propiciar a adquisición de ferramentas necesarias para acadar e manter un estado saudable físico-mental ao longo de toda a vida. Esta xornada celebrarase o día 15 de marzo na Sala Multiusos do Colexio Maior Rodríguez Cadarso de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas. Se a climatoloxía o permite e de xeito voluntario, as persoas que se inscriban poderán realizar unha pequena sesión de tai chi á beira do río Sarela. O tai chi chuan, comunmente chamado tai chi, é unha antiga arte marcial de orixe chinesa, practicada na actualidade en todo o mundo e recoñecida polos seus beneficios para a saúde integral das persoas. Esta arte de perfil psicofísico, ao igual que o Ioga, entre outras disciplinas orientais, chegou a Occidente non só para construír o seu propio contexto, senón tamén para adaptarse á nosa cultura. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web da Fundación USC Deportiva no enderezo www.fundacionuscdeportiva.org ou en http://tinyurl.com/kfh6f7s.