Pasar al contenido principal

O Canal Campus LAB da USC crea un orfanato de instrumentos musicais para alentar a creatividade sonora nos universitarios

O Canal Campus LAB, un laboratorio aberto de experimentación, emprendemento e creación visual e sonora dirixido polo profesor Xaime Fandiño e dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, vén de crear un orfanato de instrumentos musicais a través do que buscará novas vidas ou segundas oportunidades para calquera dispositivo capaz de zumegar música. Esta nova iniciativa do Canal Campus Lab, que na actualidade xa xestiona dentro da Fonoteca universitaria dous espazos con equipamento para contribuír ao networking e alentar carreiras musicais, reforza a súa vocación de dar facilidades a artistas da comunidade universitaria da USC, ao tempo que constitúe un proposta de carácter lúdico funcional orientada a favorecer a creatividade sonora e o emprendemento creativo. O orfanato de instrumentos musicais, un novo servizo que vén de abrir o equipo de investigadores especializados nos Popular Music Studies que conforman o equipo do Canal Campus Lab da USC, antóllase como unha alternativa para que guitarras, saxos, trompetas, instrumentos de percusión ou calquera outro equipamento abandonado, en desuso ou con discapacidades funcionais teña unha nova vida en mans de persoas sensibles que os coiden e os fagan soar a diario. Esta iniciativa é tamén “un berro de racionalidade e ecoloxía contra o malgasto nun mundo aloucado de consumo no que as cousas que envellecen son substituídas por outras sen piedade”. Daquela, os membros do equipo do Canal Campus Lab convidan a todas aquelas persoas interesadas en entregar calquera instrumento ou equipamento ao novo Orfanato de Instrumentos Musicais da USC a poñerse en contacto con eles a través do enderezo de correo electrónico info [at] canalcampus.es (info[at]canalcampus[dot]es)

Os/as interesados/as deben indicar nome do titor/a do instrumento, enderezo electrónico, número de teléfono e calquera outro tipo de información ou observación relativa á peza ou pezas susceptibles de entregar ó Orfanato de Instrumentos Musicais da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2014.