Pasar al contenido principal

Unha xornadas en Filoloxía propoñen unha reflexión sobre o currículo educativo en lingua e literatura galegas

As Xornadas ‘ Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas nun contexto social en mudanza’ celebraranse na Facultade de Filoloxía este venres 21 e o sábado 22. O encontro busca estudar unha reorientación do enfoque curricular en lingua e literatura galegas atendendo a aspectos como a atención á diversidade sociolingüística do alumnado, as estratexias para a mellora de actitudes e para o fomento do uso instrumental do galego, a priorización de obxectivos, a introdución de novos recursos e metodoloxías no ensino da lingua, así como a coordinación coas outras materias de carácter lingüístico que conforman o currículo formativo do alumnado. Esta é unha proposta formativa dirixida especialmente a profesores de ensino medio, aínda que aberta tamén a calquera persoa preocupada polo ensino e aprendizaxe da lingua e a literatura galegas. Ademais, as xornadas están enmarcadas nun proxecto máis amplo que pretende reforzar os vínculos entre o profesorado de educación secundaria e o universitario, de tal modo que aos aspectos arriba considerados cómpre engadir outro, o da situación do ensino da lingua e a literatura galegas na universidade, en relación co ensino e aprendizaxe de tales contidos na educación secundaria. No Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, o programa do venres 21 comezará ás 18.00 horas coa inauguración oficial, á que seguirá a intervención de Bieito Silva co relatorio ‘Ensinar lingua. Ensinar lingua galega’ e unha mesa redonda sobre ‘O ensino da lingua e da literatura desde a perspectiva da aula’, coa presenza de representantes de centros de ensino secundario galegos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2014.