Pasar al contenido principal

Acoplan por vez primeira nanotubos de carbono e peptídicos, con aplicacións en bioloxía ou en nanotecnoloxía

Representación conceptual de nanotubos híbridos peptídico-carbono
Representación conceptual de nanotubos híbridos peptídico-carbono

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS) obtiveron estruturas híbridas formadas por nanotubos de carbono de parede única e de ciclopéptidos auto-ensamblables con propiedades complementarias. Este é un traballo liderado polos investigadores Juan Granja e Javier Montenegro que describe a obtención dunhas estruturas de natureza híbrida que poderían ter aplicacións en diversas áreas da bioloxía ou a nanotecnoloxía. Os resultados acaban de ser publicados na prestixiosa revista Journal of the American Chemical Society (http://pubs.acs.org/doi/abs/10.1021/ja410901r), destacando as propiedades sinérxicas e complementarias derivadas de cada tipo de nanotubo. Segundo os autores do traballo, o carácter biocompatible dos nanotubos peptídicos melloraría, entre outros, a adaptabilidade dos nanotubos de carbono en condicións fisiolóxicas. Por outra banda, o ordenamento e as complementarias propiedades eléctricas resultan de interese para a preparación de dispositivos electrónicos nanométricos e libres de cortocircuitos. Os péptidos cíclicos se auto-ensamblan mediante enlaces de hidróxeno apilándose e formando tubos de diámetro controlado e de escala nanométrica, o que permite ademais a funcionalización externa do tubo ensamblado, explican os investigadores. Así, mediante o deseño lóxico de aneis ciclopeptídicos conseguiuse solubilizar os nanotubos de carbono en medio acuoso e, de forma recíproca, estes aumentan as posibilidades de que os aneis peptídicos interaccionen entre eles nun disolvente que compite polos enlaces de hidróxeno como a auga. A deposición destas estruturas nanométricas e complementarias en diferentes superficies permite a obtención de nanotubos xemelos que presentan propiedades sinérxicas derivadas de cada estrutura particular e complementaria. Deste modo, a formación de redes ordenadas de nanotubos peptídicos sobre diferentes superficies permite alinear nun mesmo eixo os correspondentes nanotubos de carbono, sinalan os investigadores a modo de exemplo. A caracterización mediante microscopía de forza atómica híbrida confirma as diferentes propiedades eléctricas de cada nanotubo (segundo o péptido se comportaría como un illante, e o de carbono como un condutor) e permite a obtención de tubos híbridos similares a cables recubertos de illante e de dimensión nanométrica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2014.