Pasar al contenido principal

Amplíase ata o 10 de marzo o prazo para participar na segunda edición de InvestigArte

'Rodaballo X' de Jorge Hernández, obra participante na edición 2012/2013 na categoría investigadores Macro-Ciencia
'Rodaballo X' de Jorge Hernández, obra participante na edición 2012/2013 na categoría investigadores Macro-Ciencia
Este concurso busca as mellores imaxes científicas realizadas por investigadores, estudantes e profesorado de Secundaria, Bacharelato ou FP

O prazo para participa na segunda edición do concurso InvestigArte amplíase ata o 10 de marzo. A finalidade desta convocatoria é que a través da imaxe, se explique ás novas xeracións e á sociedade en xeral o alcance das innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas a proxectos de investigación. Grupos de investigación, así como alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional son os destinatarios de InvestigArte que, como novidade nesta segunda edición, incorpora coa colaboración da asociación ARSciencia unha nova categoría para profesorado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

InvestigArte está organizado polo Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida; educaBarrié (a canle de comunicación coa comunidade educativa da Fundación Barrié); e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS). Os detalles da convocatoria para cada unha das categorías pode consultarse na web de InvestigArte. Os/as investigadores/as poderán presentar as súas propostas nas categorías de ‘Macrofotografía’ (para imaxes de obxectos maiores a un milímetro) e ‘Microfotografía’ (para obxectos menores ou iguais a un milímetro). Na modalidade de Educación (estudantado de Secundaria, Bacharelato ou FP), as obras presentadas poderán facelo en formato fotografía, vídeo ou ilustración, sen importar os materiais empregados senón o punto de vista ofrecido. En terceiro lugar, o concurso incorpora este ano o Premio ARSCIENCIA, e diríxese a profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP que deberá mostrar a relación entre a ciencia, a tecnoloxía e a arte e a súa docencia a través de calquera tipo de actividade xa sexa realizada de forma particular, en combinación co seu entorno ou co seu centro de traballo (teatro, exposicións, pintura, actividades musicais, actividades extraescolares, …). As propostas poderanse presentar en formato vídeo, pdf ou power point. Esta convocatoria é unha iniciativa que xurde a partir dun grupo de investigadores novos que, a través dun concurso científico-visual, buscan dar a coñecer a investigación que se está realizando na actualidade e como esta repercutirá no benestar da poboación. “A ciencia é un alicerce importante para a mellora da calidade de vida das persoas así como para fortalecer a economía dos países”, sinalan os seus promotores. Neste senso, InvestigArte tenta desenvolver novas canles de comunicación na difusión da ciencia, “en tanto que realidade pouco coñecida para o gran público” propiciando o achegamento dos grupos de investigación e os seus resultados á sociedade.

Como apuntan os seus promotores, o concurso traza un vía para facer chegar á cidadanía dun xeito claro e mesmo palpable a significación e o alcance do traballo realizado en laboratorios e centros de investigación, resaltando a relación directa existente entre progreso e ciencia. Tras o ditame dun xurado de expertos en arte e ciencia, realizarase unha exposición das mellores obras artístico-científicas recibidas, tanto de investigadores como de centros educativos, que iniciará un percorrido itinerante por diversas cidades de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.02.2014.