Pasar al contenido principal

José María Arias Mosquera, novo presidente do Consello Social da USC

José María Arias Mosquera substitúe a Manuel Puga, presidente do Consello Social entre 2006 e 2014
José María Arias Mosquera substitúe a Manuel Puga, presidente do Consello Social entre 2006 e 2014
José María Arias Mosquera, novo presidente do Consello Social da USC

José María Arias Mosquera acaba de ser designado novo presidente do Consello Social da USC en substitución de Manuel Puga Pereira que remata o seu segundo mandato á fronte deste órgano universitario. A decisión foi adoptada este xoves 23 polo Consello da Xunta de Galicia. O reitor compostelán Juan Casares manifestou a súa satisfacción pola designación do novo presidente, quen ten evidenciado o seu convencemento no papel fundamental da educación no progreso da sociedade. Ademais o reitor subliñou o seu agradecemento a Puga Pereira polo intenso labor desenvolvido, bo facer e compromiso coa Universidade de Santiago e o ensino superior en Galicia ao longo dos dous mandatos que remataron precisamente neste mes de xaneiro. Presidente da Fundación Barrié, do Banco Pastor e vicepresidente de Banco Popular, José María Arias Mosquera (Santiago de Compostela, 1953) licenciouse en Dereito pola USC, ampliando a súa formación no Instituto de Estudios Superiores da Empresa (IESE). A súa vida profesional desenvolveuse en Banco Pastor, ao que se incorpora como letrado en Asesoría Xurídica en 1980, para logo desenvolver diversos postos de responsabilidade como subdirector dos Servizos Xurídicos (1983), letrado asesor do Consello de Administración (1986) ata o seu nomeamento en 1988 como subdirector xeral, conselleiro e secretario do Consello de Administración. Pouco despois, en 1991, ocupará a dirección xeral da entidade e en 1995 a vicepresidencia executiva. En 2001, José María Arias é nomeado presidente de Banco Pastor e dende 2012 vicepresidente de Banco Popular. En paralelo, dende finais de 2009 preside a Fundación Barrié, ao tempo que exerce os cargos de conselleiro da AEB (Asociación Española de Banca) e de APD (Asociación para el Progreso de la Dirección), ademais da vicepresidencia para Galicia desta última. No ámbito empresarial, foi vicepresidente de Unión Fenosa e conselleiro de Gas Madrid, Hullas del Coto Cortés, 4B, Elosua e Carbonell. Participa activamente en diversas asociacións e entidades como o Consello de patronos da Asociación Española de Fundacións; é vogal do Padroado Príncipe de Asturias, da Fundación Juana de Vega, da Fundación Gaiás Cidade da Cultura, do Consello da Cultura Galega, das Escuelas Populares Gratuitas; e patrono de honra do Museo de Pontevedra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2022.