Matemáticas acolle este venres a fase autonómica da Olimpíada Española

A Facultade de Matemáticas da USC dará acubillo este venres 17 á Fase Autonómica da L Olimpíada Matemática Española correspondente ao ano 2014. A competición diríxese ao alumnado de bacharelato e nela selecciónanse as tres persoas que formarán o equipo olímpico que represente a Galicia na Fase Nacional, a celebrar do 27 ao 30 de marzo na localidade valenciana de Requena. O programa dará comezo ás 10.00 horas cunha recepción aos participantes, tras a que dará comezo a primeira sesión: tres horas e media para resolveren tres problemas. A segunda será ás 16.00 horas co mesmo tempo e desenvolvemento. Para esta edición a Olimpíada Matemática Galega conta co patrocinio de EDISA Centro de Innovación cuxo presidente, Alfonso Amorín, foi profesor do Departamento de Álxebra da Facultade de Matemáticas, coa que continúa colaborando. Estimular o interese matemático A Olimpíada, que convoca anualmente a Real Sociedade Matemática Española, ten como obxectivo fundamental estimular o estudo das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo. Pode participar nela calquera estudante de Bacharelato que curse os seus estudios nun centro galego e excepcionalmente da última etapa da ESO que acredite especiais aptitudes así como integrantes do proxecto EsTalMat-Galicia.