Pasar al contenido principal

Aberta a matrícula nos cursos e talleres de formación teatral para o segundo semestre no campus de Lugo

A compañía de Teatro USC-Lugo, integrada este ano por 9 persoas, estreará en abril unha nova montaxe cuxa temática xirará ao redor da figura e da obra de García Lorca

A Área de Cultura do campus de Lugo mantén aberto o prazo de matrícula nos cursos e talleres de formación teatral programados para o segundo semestre do presente curso 2013-2014, período no que comezará unha nova etapa de ensaios da Compañía de Teatro USC-Lugo e durante o que se celebrarán un obradoiro de iniciación ao teatro, dirixido a estudantes de IV Ciclo, e outro de movemento corporal, cuxa temática xirará ao redor da obra e da vida de García Lorca.

O obradoiro Iniciación ao teatro II, estruturado en 40 horas de formación, das que 22 son de carácter práctico, comezará a impartirse o vindeiro 3 de febreiro. Este programa, dirixo a estudantes de cuarto ciclo universitario e tamén aberto á participación de persoas alleas á comunidade universitaria, pretende fomentar a creatividade e traballar a expresión corporal e vocal como alicerces sobre os que conformar un grupo de teatro. As distintas sesións, que serán impartidas pola responsable da Compañía de Teatro USC-Lugo, Paloma Lugilde, serán os luns, en quenda de mañá, de 10.00 a 12.00 horas. O curso de movemento cultural, unha actividade orientade preferentemente ás persoas que xa participaron nos talleres de arte dramática xa celebrados este curso no campus de Lugo, permitirá coñecer de xeito práctico a creación dunha dramaturxia propia de creación colectiva a partir da vida e da obra de García Lorca. Este taller, que se desenvolvera os luns, de 19.00 a 21.00 horas, a partir do 27 de xaneiro e ata finais de marzo, ofrece un total de 16 prazas. As distintas sesións formativas, que concluirán cun estudo práctico no que participarán as persoas matriculadas, serán impartidas por Paloma Lugilde. A responsable da Aula de Teatro do campus de Lugo e directora da Compañía de Teatro USC-Lugo, Paloma Lugilde, adiantou que a citada compañía do campus lugués, que este ano estará integrada por nove estudantes universitarios/as que xa completaron os talleres de formación da Aula de Teatro da USC, comezará a finais de mes unha nova etapa de ensaios, nos que traballarán ao redor de García Lorca. A compañía do campus lugués ten previsto estrear a súa nova montaxe teatral no mes de abril. Lugar e prazos de matrícula As persoas que estean interesadas en inscribirse en calquera das actividades incluídas no programa de formación teatral ofertado para o segundo semestre do curso 2013-2014 poden xa formalizar a súa matrícula nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo, emprazadas no segundo andar do edificio da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo. Tamén se pode obter máis información ao respecto a través dos números de teléfono 982 821 513 e 982 821 500 ou no enderezo electrónico http://www.usc.es/cultura/teatro.htm.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2014.