Pasar al contenido principal

A Aula de Produtos Lácteos selecciona persoas para o seu panel estable de cata este mércores na Facultade de Veterinaria

Membros do panel estable de cata da APL nunha sesión de análise sensorial
Membros do panel estable de cata da APL nunha sesión de análise sensorial
Os/as candidatos/as que superen as probas previas deberán completar un período de formación que se prolongará durante un ano con sesións dunha hora semanal

A Aula de Produtos Lácteos (APL) da Universidade de Santiago de Compostela celebrará este mércores, a partir das 17.00 horas, na sala de catas emprazada no pavillón IV da Facultade de Veterinaria, a selección de persoas interesadas en integrarse no seu panel estable de catadores, integrado por uns 15 compoñentes.

A responsable da Área de Análise Sensorial da Aula de Produtos Lácteos da USC, Paz Fernández Albalat, será a encargada de guiar esta primeira sesión, aberta á participación de todas aquelas persoas que estean interesadas en adquirir os coñecementos e as destrezas posibles para integrarse no panel de cata da APL. O proceso de selección de candidatos/as a formarse como catadores podería ser máis ou menos longo en función do número de persoas que acudan á convocatoria feita desde a APL e difundida con antelación a través dos distintos medios de comunicación, dixo Fernández Albalat. A responsable da Área de Análise Sensorial da APL lembrou neste senso que as persoas inicialmente seleccionadas deberán completar logo un programa de formación específico, cuxa duración se prolongará durante un ano, período no que deberán asistir ás distintas sesións semanais que se programen na sala de catas da Facultade de Veterinaria a partir do mes de febreiro. As actividades de formación e adestramento a desenvolver durante este período de formación teórica e práctica, están orientadas á mellora dos índices de percepción, ao coñecemento da metodoloxía de avaliación de olores, texturas..., á introdución no manexo de fichas de cata. Respecto dos produtos que serán obxecto de análise sensorial por parte das persoas que integran o panel de cata da Aula de Produtos Lácteos da USC, Fernández Albalat relatou que a maior parte dos produtos alimenticios que se catarán correspóndense con queixos, ben propostas da APL ou ben encomendas achegadas por parte doutras empresas. A responsable da Área de Análise Sensorial da APL comentou asemade que as persoas formadas como catadores deste panel tamén poderán participar en procesos de análises sensoriais doutros derivados lácteos, tales como iougures ou mesmo cremas de queixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.01.2014.