O Café de Idiomas complementa a oferta do CLM nun contexto informal
O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) e a Biblioteca Anxel Casal desenvolven o Café de Idiomas, un punto de encontro para o alumnado e ex-alumnos/as do CLM que atoparán na Biblioteca un contexto distinto para poder seguir practicando dun xeito informal as súas competencias lingüísticas. Dende este mesmo luns 3, o Café de Idiomas incorpora cinco novas linguas, xa que ademais de inglés, francés, portugués, italiano, alemán, español como lingua estranxeira, galego para non galego falantes, engádese agora o catalán, o euskera, o árabe, o ruso e o polaco, todas estas linguas impartidas no CLM en cursos anuais, semestrais ou intensivos de verán. Todas as persoas interesadas en participar de Café de Idiomas na Biblioteca Pública de Santiago poden acudir ao punto de encontro situado no seu vestíbulo en diferentes horarios. De 16.30 a 17.30 horas, para as persoas interesadas nos idiomas inglés (luns), francés (martes), portugués (mércores), italiano: (xoves) e alemán (venres); de 18.00 a 19.00 horas para catalán (luns), éuscaro (martes), árabe (mércores), ruso (xoves) ou polaco (venres); e de 19.30 a 20.30 horas para chinés (luns), xaponés (martes), lingua de signos (mércores), español como lingua estranxeira (xoves) e galego para non galegofalantes (venres). Para que cada sesión poida levarse a cabo é necesario un mínimo de dúas persoas (ata completar o aforo). Estas reunións realízanse sen profesores e sen obrigas (non se require inscrición previa). Co obxectivo de facilitar que todos as persoas interesadas poidan coincidir nas horas establecidas para os encontros, a Biblioteca mantén un taboleiro que favoreza a coincidencia entre interesados/as. A inscrición neste taboleiro é voluntaria e a Biblioteca non xestiona as listaxes nin avisa aos anotados, senón que son eles mesmos os que entran en contacto para acordar quedar no día, hora e lugar habilitados pola biblioteca para os encontros. Outras iniciativas non formais Dentro deste tipo de iniciativas que buscan continuar o desenvolvemento das habilidades adquiridas coa formación regrada, o alumnado matriculado nos cursos presenciais do CLM tamén pode participar do programa de intercambio lingüístico Tándem que organiza o propio centro entre alumnos nacionais e internacionais, ou na actividade Parellaes, iniciativa especialmente dirixida a alumnado de catalán e de galego de cara a mellorar a súa competencia lingüística oral e cultural. Ampliación do prazo de matrícula
O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) amplía o prazo de matrícula ata o próximo día 10 de febreiro. O alumnado dos cursos de iniciación poden matricularse directamente dende a web do Centro https://matricula.usc.es/Loginx/Login.asp, mentres que o dos cursos superiores sen nivel asignado teñen que dirixirse ao enderezo clm [at] usc.es (clm[at]usc[dot]es). Se os/as estudantes da lista de agarda dos cursos completos suman oito persoas como mínimo, o CLM xestionará a apertura de máis grupos desa lingua e nivel.