Pasar al contenido principal

Juanjo Díez e Genaro Fernández ofrecen este mércores un concerto de violoncello e piano na Casa do Saber de Lugo

Juanjo Díez, co violoncello, e Genaro Fernández
Juanjo Díez, co violoncello, e Genaro Fernández
Os músicos galegos interpretarán neste concerto do ciclo ‘Sonatas para violoncello e piano de Beethoven’ unha peza deste compositor xermano e outra de Brahms

O violoncellista coruñés Juanjo Díez e o pianista nado en Ferrol Genaro Fernández, ofrecerán este mércores, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o penúltimo concerto do ciclo ‘Sonatas para violoncello e piano de Beethoven’, unha actuación ao vivo na que estes dous músicos de cámara interpretarán dúas pezas deste compositor xermano ‘Sonata para violoncello e piano nº2 Op.5’ e ‘7 variacións en mi bemol maior Wo046’, ademais da ‘Sonata para violoncello e piano nº2 en Fa maior Op.99’, de Johannes Brahms.

Juanjo Díez, que na actualidade exerce como docente no conservatorio de música profesional de As Pontes, conta cunha ampla experiencia como concertista. Cómpre lembrar neste caso as colaboracións deste violoncellista coa Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Nacional de España, a Sinfónica de Euskadi ou mesmo a orquestra de Cadaqués. Díez é tamén é compoñente do ‘ Soncello Quartet’, o cuarteto de cellos xurdido da Asociación de Violoncellistas de Galicia ‘ Soncello’, prosegue a súa formación musical na Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) de Santiago de Compostela da man de Bárbara Switalaska. O pianista ferrolán Genaro Fernández compaxina a súa actividade concertista coa docencia no conservatorio profesional de música ‘Xoán Viaño’ de Ferrol, onde comezou a súa andaina na formación musical que logo completaría nos conservatorios de A Coruña e Oviedo. Gregorio Fernández realizou a estrea absoluta de varias obras de autores galegos, ao tempo que tamén gravou a integral de obras para piano a catro mans de Marcial del Adalid. O concerto de música de cámara que ofrecerán este mércores 5 de febreiro na Casa do Saber de Lugo Juanjo Díez e Genaro Fernández comezará ás 20.00 horas e a súa actuación está estruturada en dous actos, un primeiro centrado en Beethoven, e o outro dedicado á sonata de Brahms.

A entrada para asistir a este concerto, encadrado na programación de actividades articuladas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con apoio económico da Deputación e do Concello de Lugo, ademais de da USC, será libre e gratuíta para todo o público ata completar o aforo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.02.2014.