Pasar al contenido principal

A exposición ‘Palabras pintadas’ presenta unha viaxe polas vivencias, sentimentos e recordos de Soledad Pite Sanjurjo

Detalle da mostra que se poderán visitar ata o 28 de febreiro
Detalle da mostra que se poderán visitar ata o 28 de febreiro
Está incluída nas actividades organizadas por campUSCulturae

A exposición ‘Palabras pintadas’, da artista compostelá Soledad Pite Sanjurjo, abre as súas portas este martes 4 ás 19.30 horas no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca dentro das actividades que desenvolve o proxecto europeo campUSCulturae. No acto inaugural interveñen o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; a propia artista; a comisaria da mostra, Emanuela Saladini; e o coordinador de campUSCulturae, Xosé Antonio Neira Cruz. A exposición, definida polos seus promotores como un diálogo entre as artes, “quixera ser unha viaxe sobre as vivencias, sentimentos e recordos de Soledad Pite”. Para alcanzar o seu obxectivo na mostra conviven pinturas, debuxos e poesías que definen un retrato dos estados de ánimo da súa autora. Con esta proposta expositiva, as salas do Colexio de Fonseca ofrecen a quen as visita bosquexos de temática variada, algúns eles cadernos de viaxe, “nos que o diálogo co lugar se plasma mediante a palabra escrita e apuntes á acuarela”, explica Salvador García-Bodaño no catálogo da mostra. As obras de Soledad Pite recollen aspectos arquitectónicos e paisaxísticos, cunha visión intimista máis alá da descritiva, así como “espazos de vida” ou obras de temática social como as dedicadas ao Movemento 15M ou sobre os espazos de sanación. Como mostra dese diálogo de artes, na exposición conviven debuxo e poesía, xa que como explica a comisaria, “a pintura de Soledad non acaba nos seus coñecementos técnicos, aínda que nunca renegue deles, senón que segue investigando para adaptarse a novos sentimentos, novas vivencias”, o que propicia que “a artista nos descubra a súa poesía, unha linguaxe nova para nós, para expresar cousas que quedaron sen dicir”. En opinión de Emanuela Saladini, a mostra “ensina distintos tempos cronolóxicos e emotivos. Estes recordos atópanse narrados en soportes íntimos e fráxiles como os cadernos, as pinturas e os debuxos de grandes dimensións”. Estes últimos son os medios que a artista utiliza segundo as súas necesidades, “non obstante teñen resultados expresivos diferentes para o espectador”. campUSCulturae

campUSCulturae é un proxecto europeo para a constitución dun espazo internacional dedicado ás minorías culturais do mundo. Coas súas actividades, de carácter interdisciplinar, propón un diálogo entre as Humanidades e as Ciencias, recoñecendo a capacidade creativa que cada un deste eidos do saber pode achegar ao outro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.02.2014.