Pasar al contenido principal

A USC reforza a promoción do campus de Lugo nos centros de ensino medio cun coordinador específico do programa ‘A Ponte’

Asisentes á reunión sobre o programa A Ponte na Vicerreitoria de Coordinación de Lugo
Asisentes á reunión sobre o programa A Ponte na Vicerreitoria de Coordinación de Lugo
O profesor Javier López González explicou este venres as accións que contempla ‘A Ponte’ nos vindeiros meses nunha reunión con representantes dos centros do campus

A USC busca reforzar a promoción do campus de Lugo e da súa oferta de títulos entre o estudantado de ensino medio a través da figura dun coordinador específico do programa ‘A Ponte entre a USC e o ensino medio’ para a sede universitaria luguesa.

O profesor na Escola Politécnica Superior Francisco Javier López González, que vén de ser nomeado coordinador do programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo, participou este venres nunha reunión con directores, decanos e representantes dos distintos centros universitarios do campus de Lugo para adiantar algunhas das accións que se pretenden desenvolver nos vindeiros meses no marco do programa ‘A Ponte’. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, que foi o encargado de presidir esta sesión de traballo, explicou que a creación dunha figura específica para coordinar o programa ‘A Ponte’ no campus de Lugo é unha acción máis promovida polo goberno da USC co obxecto de incrementar a captación de máis alumnado para o campus de Lugo. Respecto das accións a desenvolver nas próximas datas, López González adiantou qeu o plan de visitas a centros de ensino medio deseñado ao abeiro do programa A Ponte comezará a desenvolverse a finais do mes de novembro, unha vez que remate o prazo aberto pola USC para que os responsables dos centros educativos preunivesitarios soliciten algunhas das preto de 100 sesións temáticas ofertadas desde a USC ou xornadas de presentación da oferta universitaria. Ademais destas actividades de carácter divulgativo, López González adiantou a súa pretensión de estreitar a relación da USC cos centros de ensino medio da provincia de Lugo e tamén doutras localidades de Galicia a través de visitas e sesións de traballo individualizadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2023.