Comezou o congreso de Psicoloxía Xurídica e Forense cunha especial atención á familia

A custodia compartida, os síndromes de Munchausen ou de alienación parental ou a violencia filioparental foron algúns dos temas cos que deu comezo este xoves na EGAP o VIII Congreso (Inter)nacional de Psicoloxía Xurídica e Forense que reúne ata o sábado os especialistas de orde internacional máis recoñecidos neste ámbito. O encontro está organizado, entre outros, pola Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC que dirixe o catedrático de Psicoloxía Xurídica e Forense Ramón Arce. A profesora de Criminoloxía da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) e fundadora do Centro de Atención ás Vítimas de Latinoamérica, Hilda Marchiori, foi a encargada de impartir a primeira conferencia plenaria sobre vitimoloxía na que analizou cuestións sobre a impunidade, as consecuencias do delito e o silencio da vitimización. A inauguración oficial tivo lugar nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que participaron, ademais de Ramón Arce, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada; a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, Mª José Corral López; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez Campos; e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas. A xornada continúa pola tarde cunha conferencia do catedrático de Psicoloxía Social da USC Jorge Sobral titulada ‘Notas para unha criminoloxía do criminal: querer, poder, decidir’ e dúas mesas de expertos sobre a aplicación da xustiza terapéutica ás rupturas de parella e sobre os menores en risco. Plena actualidade Da xornada do venres 24 destaca a conferencia, ás 11.00 horas, sobre o papel do psicólogo xurídico e forense na Sala de Xustiza que pronunciarán o director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio, Ricardo Gonzalo Conde, e o portavoz da Comisión de Xustiza no Congreso dos Deputados, José Miguel Castillo, a quen a Sociedade organizadora lle entregará o premio Pedro Mata “pola súa dedicación e contribución ao recoñecemento, consolidación e achegas á psicoloxía xurídica e forense”. Asuntos tan relevantes como o trastorno mental transitorio e a imputabilidade penal, a intervención no medio penitenciario, a prevención da reincidencia, a psicoloxía da testemuña, o bo trato aos menores ou a avaliación psicolóxica de custodias serán tamén tratados nas xornadas de venres e sábado por notables especialistas na materia como a directora da Oficina da Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas sobre Violencia contra Nenas e Nenos, Elda Moreno, ou o responsable do Proxecto de Revisión da Clasificación dos Trastornos Mentais e do Comportamento na CIE-0, do Departamento de Saúde Mental e Abuso de Substancias da OMS, Geoffrey Reed, que clausuraá o encontro.