Pasar al contenido principal

A rede de investigación English Linguistics Circle obtén a cualificación de excelencia do Ministerio de Economía e Competitividade

Foto de grupo dos directores e directoras da rede ELC
Foto de grupo dos directores e directoras da rede ELC
A rede renova, por cuarta vez, o seu financiamento a través do programa de consolidación e estruturación da Xunta de Galicia

Nos oito anos transcorridos desde a súa fundación, a rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) consolidouse como unha agrupación estratéxica que no ámbito da lingüística e dos estudios filolóxicos sobre a lingua inglesa “non ten ningún paralelo no sistema universitario español se temos en conta a súa estabilidade, riqueza e diversidade de enfoques ou os resultados de investigación”, explica o profesor da USC e membro da rede Ignacio Palacios. A afirmación do profesor Palacios susténtase, entre outros méritos, no éxito alcanzado pola rede na convocatoria estatal de Redes Temáticas de Excelencia do Programa de Fomento da Investigación Científica e Técnica do Ministerio de Economía e Competitividade. Os seis equipos que conforman a rede concorreron a esta convocatoria, de nova creación e altamente competitiva, cunha proposta dirixida polo profesor compostelán e foi unha das dúas únicas seleccionadas para financiamento en España no ámbito da Filoloxía. Ademais, a rede ELC acaba de renovar por cuarta vez consecutiva o financiamento da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia a través do seu programa de consolidación e estruturación. Grande atractivo para o alumnado A rede de investigación English Linguistics Circle (ELC) constituíuse en decembro de 2006 baixo a coordinación da catedrática de Filoloxía Inglesa da USC Teresa Fanego. Actualmente componse de seis grupos, tres da Universidade de Santiago –‘Variación, cambio lingüístico e gramaticalización’, que dirixe a profesora Fanego; ‘Investigación sobre inglés falado’, dirixido por Ignacio Palacios; e ‘Procesos cognitivos e conduta (USC), dirixido por Isabel Fraga-, dous da de Vigo –Variación lingüística e categorización textual’, dirixido por Javier Pérez Guerra, e ‘ Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras’, dirixido por Rosa Alonso- e un das Illas Baleares –‘Variación morfosintáctica en variedades emerxentes da lingua inglesa, dirixido por Cristina Suárez-. En conxunto, a rede conta con máis de 80 membros, 13 dos cales son bolseiros predoutorais (FPU, FPI e Plan Galego I2C) e dous investigadores posdoutorais dos programas I2C e Ramón y Cajal, o que dá conta do atractivo das actividades que desenvolven para o alumnado de grao e posgrao. Todos eles comparten un dominio de traballo cuxo denominador común é a cognición humana e a súa interrelación con ámbitos tan diversos como a adquisición de primeiras e segundas linguas, o bilingüismo, a variación morfosintáctica e o cambio lingüístico, a prevención de trastornos da fala, a psicolingüística, a análise do discurso e a lingüística contrastiva e de corpus. Proxecto a curto prazo Para os próximos dous anos, ademais de seguir coas súas actividades habituais de investigación, innovación e transferencia, e co seu importante labor de formación de doutores (28 teses doutorais defendidas desde 2006), a rede proponse incrementar as accións de difusión da súa actividade investigadora e formativa entre o alumnado de grao e posgrao. Para iso, continuará cos seminarios de investigación que organiza periodicamente e celebrará o vindeiro febreiro na Universidade de Vigo a cuarta edición do Congreso Internacional de Posgrao sobre Lingua e Cognición cuxo comité organizador está composto polos bolseiros e contratados predoutorais da USC e da UVigo Sofía Bemposta-Rivas, Tamara Bouso, Carla Bouzada-Jabois, Yolanda Calvo-Benzies, Yolanda Fernández-Pena e Iván Tamaredo-Meira.

Tamén está prevista a organización dun simposio internacional sobre complexidade sintáctica e procesamento cognitivo e dun seminario sobre procesamento da linguaxe en nenos e adultos bilingües de Galicia e norte de Portugal, con especial atención á aprendizaxe do inglés como L2. Este último levarase a cabo de forma conxunta co Departamento de Estudios Xermanísticos e o grupo de Psicolingüística do Centro de Investigación en Psicoloxía da Universidade do Minho (Braga).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.10.2014.