O plan económico-financeiro centrou o primeiro debate do novo Claustro universitario

O plan económico-financeiro que a Universidade de Santiago lle presentou hai uns días á Xunta de Galicia centrou este xoves o debate do novo Claustro universitario, que hoxe celebraba a súa sesión constituínte. No seu informe o reitor explicoulle aos claustrais os obxectivos do plan –que debe ser aprobado polo Goberno galego– e resumiu as medidas principais, “que poderían flexibilizarse en función de cómo vaian respondendo algunhas partidas”, dixo. Viaño anunciou ademais que a vindeira semana terá lugar a primeira das xuntanzas para negociar o Plan de Financiamento do Sistema Universitario galego, “do que a USC debería obter o que merece”. Para ese período de negociación, que durará ata xullo de 2015, o comité de dirección contará co apoio dunha comisión técnica de traballo e outra asesora de estratexia. No debate posterior á lectura do informe do reitor, os e as claustrais mostraron a súa preocupación polo futuro da Universidade á vez que reclamaron unha maior participación e decisión dos órganos de goberno universitario como o Claustro en cuestións transcendentais para a institución como é a súa recuperación económica. A este respecto, o reitor avanzou que na primeira quincena de novembro terá lugar outra sesión deste órgano colexiado para tratar as Liñas Xerais de Programación Plurianual e as de Orzamentos para 2015 “e será aí onde entre todos teñamos a oportunidade de debater e consensuar cada medida concreta contemplada”. Mesa e Comisión Electoral Central Na sesión constituínte deste xoves elixíronse os membros da Mesa e da Comisión Electoral Central, esta segunda formada por Miguel Abel Souto, Xoán Carlos Carreira Pérez, Isabel Diz Otero, Ángel García Vidal, Enrique Macías Virgós e Luís Míguez Macho representando ao profesorado funcionario doutor; Francisco Cebreiro Ares e Alicia Villalba Sánchez, das restantes categorías do PDI; os estudantes José Martínez Fernández e Andrei Quintiá Pastrana; e José Manuel Velo García, do PAS. Pola súa banda, conforman a Mesa do Claustro ademais do reitor e a secretaria xeral Miguel Abel Souto, Francisco Fernández Rivera, Mariana Landín Pérez, Marta Miranda Castañón, Rubén Retuerto Franco e Francisco Rodríguez Lestegás en representación do profesorado funcionario doutor; Francisco Cebreiro Ares, Francisco Javier López González e Héctor Daniel Luquin Curiel por parte das restantes categorías do Persoal Docente e Investigador (PDI); do estudantado Pablo Fernández Garrido, Teresa Pérez Lousame e Emilio Vázquez Lage; e Xosé Antón Cabanas Fernández polo Persoal de Administración e Servizos (PAS). Comisións do Claustro Tamén hoxe elixíronse os membros do Claustro no Consello de Goberno así como as comisións de Normalización Lingüística, de Asesoramento e axuda ao Valedor, de Reclamacións, de Organización Docente, de Investigación, de Asuntos Económicos, de Actividades Culturais, de Desenvolvemento Estatutario e de Titulacións e Programas de Estudo. Prema aquí para ver os membros do Claustro no Consello de Goberno e as persoas que integrarán as distintas comisións do Claustro. Ademais do informe do reitor, nesta xornada elixíronse aos/ás representantes nas distintas comisións. Foto: Servimav-USC