A Aula TIC-Pemes da USC organiza un obradoiro virtual sobre xestión de relacións con clientes baseado en software libre

A Aula TIC-Pemes da USC celebrará a partir do día 7 de novembro unha nova edición do obradoiro virtual sobre xestión de relacións con clientes baseado en software libre. Esta actividade formativa, estruturada en 50 horas lectivas e que se prolongará ata o 21 de decembro, ten unha marcada orientación práctica e desenvolverase en liña.
As persoas interesadas en completar esta actividade formativa poderán formalizar a súa a súa inscrición ata o vindeiro 24 de outubro cumprimentado un formulario en liña ou enviando unha mensaxe cos datos persoais e teléfono de contacto ao enderezo de correo electrónico atepemes [at] usc.es (atepemes[at]usc[dot]es). O custe da matrícula é de 50 euros, aínda que os estudantes e tamén os ex alumnos da USC poderán beneficiarse dun desconto do 50%. Este curso, cuxa oferta de prazas son limitadas, está dirixido principalmente a pemes e autónomos, aínda que tamén está aberto á participación de calquera outra persoa interesada nesta temática. Unha vez rematada as actividades formativas, a Aula TIC-Pemes da USC entregará un diploma acreditativo a aqueles/as que superaran de xeito satisfactorio as distintas accións programadas. Respecto dos contidos incluídos na programación deste obradoiro virtual sobre xestión de relacións cos clientes, no que se empregará a aplicación web de software libre vTiger CRM, as persoas inscritas no curso aprenderán a instalar e por en marcha a aplicación vTiger CRM, ademais de familiarizarse co seu contorno e co manexo de rexistros. Os procesos de venta e post venta, a xestión do inventario, campañas de márketing, análises de datos, configuración do administrador e a posta en marcha do portal do consumidor son algúns dos contidos formativos deste obradoiro.