Atopan unha nova vía con células nai uterinas para frear o cancro de mama

Investigadores da Universidade de Santiago e do Hospital de Jove de Xixón illaron e caracterizaron un novo tipo de células nai mesenquimales no cérvix uterino (hUCESCs, polas súas siglas en inglés ‘human Uterine Cervical Stem Cells’) capaces de frear o desenvolvemento do cancro de mama. Os investigadores evidenciaron a capacidade de hUCECSs e especialmente do seu secretoma/medio condicionado (conxunto de moléculas secretadas por estas células) de inhibir a proliferación e invasión das células tumorais ademais de estimular a súa morte celular programada (apoptose). Este efecto inhibidor sobre o crecemento tumoral observouse in vitro, utilizando liñas celulares de cancro de mama e cultivos de tumores de pacientes operadas desta doenza, así como in vivo en ratos. Segundo os investigadores, estas células non só actúan sobre as tumorais senón que ademais fano sobre o estroma/microambiente tumoral, principalmente composto por fibroblastos e macrófagos, que favorece a progresión do tumor. As hUCESCs (que se obteñen de modo pouco invasivo a partir dun cepillado de cérvix como o que se realiza nas revisións xinecolóxicas) reducen a proliferación e invasión dos fibroblastos ademais de favorecer a apoptose, reducindo así o seu papel estimulador da progresión tumoral. Como explican os investigadores, as hUCESCs poden ademais inhibir e tamén reverter a diferenciación a macrófagos, esas células que en principio deberían defender o organismo do tumor pero que acaban converténdose no seu aliado. Ademais, a análise do secretoma, tanto fresco como liofilizado (forma de conservación en po) suxire que unha rede de sinalización paracrina complexa pode estar implicada no potencial antitumoral das hUCESCs. Á luz deste potencial anti-tumoral, da súa fácil obtención e do feito de que a liofilización do secretoma conserva as propiedades orixinais, os investigadores consideran que as hUCESCs son boas candidatas para futuras aplicacións experimentais ou clínicas na terapia contra o cancro. Os resultados da investigación acaban de ser publicados na revista americana Oncotarget e ten como autores aos investigadores da USC Román Perez-Fernández, Juan Sendón Lago, Samuel Seoane, Tomás García-Caballero, María A. Bermudez, así como Noemí Eiró, María Luz Lamelas, José Schneider e Francisco J. Vizoso. Colaboración Hai catro anos, nos laboratorios da Unidade de Investigación da Fundación Hospital de Jove de Xixón, o doutor Francisco Vizoso e as doutoras Noemí Eiró e M. Luz Lamelas iniciaron unha investigación sobre células nai. O obxectivo era encontrar unha nova fonte de células nai e un método de obtención que fose minimamente invasivo e doloroso para os pacientes e que permitise un fácil crecemento no laboratorio. A participación na investigación do grupo do profesor da Universidade de Santiago Román Pérez, do profesor José Schneider da Universidade Rey Juan Carlos e a colaboración de pacientes e cidadás reunidos na Fundación para a Investigación con Células Madre Uterinas (FICEMU) permitiu conseguir logros maiores. Implicación cidadá Ademais, as investigacións foron financiadas por FICEMU, grazas á solidaridade cidadá, mediante donativos recibidos de forma puntual, a través das cotas dos seus socios colaboradores e das recadacións nos diversos eventos solidarios que organizou a Fundación.