A USC colaborará de novo coa Federación Galega de Bancos de Alimentos na gran campaña de novembro

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu Servizo de Integración e Participación, mantén unha intensa actividade solidaria en diversos campos de actuación. Unha das liñas de acción diríxese a traballos de voluntariado –para os que se ofrecen previos cursos de formación– con organismos e institucións da contorna universitaria. É o caso dos Bancos de Alimentos, organizacións sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é recuperar excedentes alimenticios da sociedade e redistribuílos entre as persoas necesitadas. Os catro bancos que hai en Galicia coordínaos a Federación Galega de Bancos de Alimentos, coa que hoxe a Universidade de Santiago asinou un convenio de colaboración. Participaron o reitor Juan Viaño; o presidente da federación, José Pita Chento; e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez. Deste xeito dáse forma a unha colaboración que xa existía e que se fortaleceu o pasado ano coa participación de numerosos estudantes voluntarios e outros membros da comunidade universitaria, na Gran Recollida dos Bancos de Alimentos. O éxito desa campaña animou aos responsables universitarios a participar de novo na de 2014 que, organizada pola Federación Española de Bancos de Alimentos que integra un total de 55, terá lugar os días 28 e 29 de novembro e para a que se necesitará a colaboración de 80.000 voluntarios. O obxectivo é conseguir dez millóns de quilogramos de alimentos non perecedeiros. A Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social convida ademais este ano a todas as asociacións estudantís e aos residentes e colexiais, para que “apadriñen” un dos establecementos adheridos á campaña e se encarguen da recollida e clasificación dos alimentos recollidos.