Pasar al contenido principal

Un encontro internacional reúne en Santiago os especialistas mundiais máis recoñecidos na psicoloxía xurídica e forense

O VIII Congreso (Inter)nacional de Psicoloxía Xurídica e Forense reunirá entre o 23 e o 25 de outubro en Santiago os especialistas máis recoñecidos de orde internacional neste ámbito. O encontro está organizado, entre outros, pola Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC que dirixe o catedrático de Psicoloxía Xurídica e Forense Ramón Arce. “O traballo dun psicólogo forense é outorgarlle certeza xurídica ás probas”, afirma Arce, que explica que o equipo que lidera ten creadas no contexto da violencia de xénero dúas probas cuxos protocolos son empregados en casos xudiciais de todo o mundo. Por unha banda, crearon unha técnica forense baseada en estudos científicos que a validan para a avaliación forense da pegada psicolóxica cumprindo cos requirimentos xudiciais de establecer unha relación causa-efecto entre os feitos denunciados e a pegada así como un diagnóstico diferencial de simulación. “Sen esta proba moitos casos quedan sen poder demostrar que a denunciante é realmente unha vítima, de xeito que se desestiman xudicialmente”. Arce achega datos: só 1 de cada 5 denunciantes obtén amparo nunha sentenza xudicial, mentres que só en 1 de cada 7 termina na absolución do acusado. “A diferenza entre estas cifras –indica Arce– atopámola nos sobresementos por falta de probas; de aí que sexa fundamental practicar esta técnica de forma automática”. Por outra banda, o equipo da facultade compostelá de Psicoloxía estableceu a proba da credibilidade do testemuño para mulleres que denuncian violencia de xénero e que se basea no cotexo de 31 características de memoria de realidade que permiten soster xudicialmente que o que denuncia son feitos vividos. Por todo isto non é casualidade que sexa o profesor Ramón Arce quen presida o comité organizador do congreso que terá lugar de novo na cidade, dez anos máis tarde logo da súa primeira edición en 2004, da man da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense. Asemade, o comité científico presídeo o catedrático de Psicoloxía Social da USC, Jorge Sobral Fernández . Cuestións de relevancia actual Entre as cuestións a tratar figuran asuntos tan relevantes como o trastorno mental transitorio e a imputabilidade penal, a prevención da reincidencia, a intervención no medio penitenciario, a psicoloxía da testemuña, o bo trato aos menores, a protección e reforma dos menores en risco, a aplicación da xustiza terapéutica aos procesos de ruptura de parella ou a avaliación psicolóxica de custodias. O evento contará coa participación do responsable do Proxecto de Revisión da Clasificación dos Trastornos Mentais e do Comportamento na CIE-0, do Departamento de Saúde Mental e Abuso de Substancias da OMS, Geoffrey Reed; da profesora de Criminoloxía da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) e fundadora do Centro de Atención ás Vítimas de Latinoamérica, Hilda Marchiori; de José Miguel Castillo, portavoz da Comisión de Xustiza no Congreso dos Deputados; da directora da Oficina da Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas sobre Violencia contra Nenas e Nenos, Elda Moreno; ou do director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio, Ricardo Gonzalo Conde Díez. O programa científico inclúe, ademais das conferencias, mesas de expertos, comunicacións libres e sesión aplicadas sobre os avances máis recentes, que estarán estruturados en torno a seis eixes fundamentais: Psicoloxía Xurídica do Menor, da Familia, Penitenciaria, Vitimoloxía, Dereito Penal e Dereito Civil. Se ben os eixes coinciden en todas estas citas congresuais, quizais sexa o referido á familia o que máis interese suscita “por ser un tema preocupante de sempre e ao que a sociedade non lle presta a atención que merece, sobre todo no trato á infancia”, matiza Arce. O evento acollerá tamén, como é habitual, a Asemblea da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e a entrega de premios a investigadores noveis e do Premio Pedro Mata en recoñecemento á consolidación e achegas á Psicoloxía Xurídica e Forense.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2014.