Equipos directivos e de orientación dos centros de ensino medio galegos coñeceron as novidades da USC

Os equipos directivos e de orientación dos centros de ensino medio de toda Galicia asistiron este venres na USC á xuntanza de coordinación das actividades que anualmente desenvolve a universidade compostelá a través do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC. No encontro prestouse especial atención a cuestións de interese para o estudantado que cursa o último ano de ensino secundario e revisouse a programación de actos en centros de ensino medio e no entorno universitario como visitas, charlas temáticas, particularidades do programa de bolsas e axudas ao estudantado, oferta de titulacións ou probas de acceso á Universidade. Como novidade fronte a edicións pasadas, destacouse a importancia do estudo das linguas no ensino universitario, tema que trataron o vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado, e a directora do Centro de Linguas Modernas, Katerina Vlasakova.