Pasar al contenido principal

O portal de noticias medioambientais da Comisión Europea sinala un estudo da USC sobre eco-deseño de produtos

O servizo de noticias ‘Science for Environmental Policy’ da Comisión Europea acaba de publicar unha reseña dun artigo publicado no Journal of Industrial Ecology en referencia a unha investigación realizada entre as Universidades de Santiago e Autónoma de Barcelona. Este portal de información busca manter informadas as persoas responsables de políticas ambientais cos últimos resultados da investigación.

O artigo ‘Eco-Designing the Use Phase of Products in Sustainable Manufacturing’ –que pola USC asinan as investigadoras Paula Pérez López e Sara González García e os docentes Gumersindo Feioo e María Teresa Moreira– estuda o novo concepto de eco-deseño, que considera os impactos ambientais dun produto durante a súa vida, desde a elección dos materiais e o método de fabricación ata a súa eliminación ou reutilización. Trátase de producir produtos sostibles co menor impacto ambiental. O estudo considera ademais que comunicar os procedementos de mantemento aos consumidores debe formar parte do eco-proceso de deseño.

Un coitelo premiado Precisamente este grupo da USC participou xunto con Sostenipra -Inèdit-ICTA- da Autónoma de Barcelona no ecodeseño do coitelo ‘Nueva Serie 900’ da empresa ARCOS que o pasado ano gañou o premio de Deseño para a Reciclaxe 2013 da Generalitat de Cataluña na categoría de proxectos. Como resultado do proceso de ecodeseño, e conforme ás estratexias de mellora propostas en base ao ecobriefing, reconceptualizouse e desenvolveuse un novo coitelo baseado na optimización das materias primas e a potenciación do uso de materiais reciclados. A comunicación ambiental do novo produto focalízase na pegada de carbono do coitelo (cunha redución do 20,8% con respecto ao deseño anterior) e en promocionar a súa limpeza cun mínimo consumo de auga. De feito, o coitelo acompáñase dun pano de microfibra que conta cun serigrafado con símbolos e instrucións para motivar una limpeza ecoeficiente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2014.