O mércores remata o prazo de solicitude de bolsas para realizar compras no Mercado de Abastos de Santiago
A USC e o Mercado de Abastos de Santiago manteñen aberta ata o mércores 22 a convocatoria de bolsas destinadas a promover en Santiago o consumo de produtos frescos entre o estudantado. Deste xeito, convócanse 10 axudas para efectuar compras nos establecementos da Praza. Ao alumnado de grao e de primeiro e segundo ciclo destínanse 8 bolsas, e as dúas restantes son para o de máster universitario oficial. As persoas que se presenten a esta convocatoria deberán, entre outros requisitos, ter o domicilio familiar fóra do Concello de Santiago, non ter traballo remunerado e acreditar unha nota mínima de expediente académico de 7,5 puntos. A contía de cada bolsa, establecida para o período comprendido entre o 17 de novembro e o 27 de xuño de 2015, é de 5 euros ao día, de luns a sábado, non acumulables máis dunha semana.
As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado (Pavillón Estudantil). Xunto coa solicitude será preciso achegar copia do DNI, certificado de convivencia do Concello onde figure o domicilio familiar e declaración responsable de non ter contrato de traballo vixente ou cargo remunerado.