Pasar al contenido principal

O outono comeza na noite do próximo luns ao martes

Na noite do próximo luns 22 ao martes dia 23, concretamente ás 4.29 horas, comezará o outono. Dito instante coincide co paso do Sol polo punto Libra ou equinoccio de setembro, atravesando o ecuador celeste dende o hemisferio norte cara o sur. O próximo martes 23, o Sol sairá xusto polo este e o solpor producirase exactamente polo oeste de tal xeito que nesta xornada a duración do dia é semellante á da noite. As noites pasarán agora a superar ao intervalo diurno, chegando aproximadamente na nosa latitude ás 15 horas de duración na proximidade do 22 de decembro, data esta na que ás 00.03 horas comezará o inverno. Nos vindeiros meses haberá varias choivas de estrelas. Trátase das Dracónidas (8 de outubro), que foron espectaculares en 2011; as Oriónidas ( 21 de outubro); as Leónidas (17 de novembro); e as Xemínidas (14 de decembro). Ademais, durante o outono terán lugar dúas eclipses: unha parcial de Sol (23 de outubro) e unha total de Lúa (8 de outubro), pero ningunha das dúas poderanse ver dende a Península. Pola contra, en 2015 si teremos a oportunidade de poder observar unha parcial de Sol na mañá do día 20 de marzo, de magnitude importante, e outra total de Lúa o 28 de setembro. En canto á visibilidade dos planetas a simple vista, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, Venus seguirá sendo o luceiro do alba ata novembro en que pasará a verse logo do solpor. Marte pódese contemplar aínda no suroeste ao anoitecer. Xúpiter, que agora está saíndo ao final da noite, irao facendo cada vez mais cedo, sendo visible practicamente durante todas as noites do outono. Saturno será visible durante pouco tempo ao comezo da noite á dereita de Marte. Finalmente, Mercurio atópase actualmente en moi boas condicións de ser observado cara ao suroeste no crepúsculo vespertino e a comezos de novembro no este ao amencer. Nas primeiras horas da nova estación, na madrugada do vindeiro martes, haberá tamén a oportunidade de ver saír a Lúa moi preto de Venus. O director do Observatorio Astronómico sinala neste senso que xa só cun pequeno telescopio é posible observar o planeta Urano na primeira quincena de outubro, atopándose daquela na súa oposición. O outono é ademais unha boa estación para tentar ollar a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. Meteoroloxía Dende o punto de vista da meteoroloxía, José Ángel Docobo explica que remata un verán cun tempo bastante irregular, cando menos na comarca de Compostela. Segundo a revisión realizada polo director do Observatorio ao longo dos últimos 25 anos, o de 2014 resultou ser o de mais días con choiva, un total de 45 (8 en xuño, 10 en xullo, 13 en agosto e 14 en setembro), o que significa que choveu na metade dos días, se ben en seis xornadas de xeito inapreciable. Os días mais chuviosos foron o 18 de xullo con 58 litros/m2, seguido dos días 17 e 16 de setembro con 36,5 e 36,4, respectivamente. Tamén o 5 de xullo superáronse os trinta litros por metro cadrado. En total a precipitación total do verán aproxímase aos 400 l/m2, rexistro tan só superado nas últimas dúas décadas e media polos 477 l/m2 do ano 1990. Estas cantidades contrastan cos 46,7 l/m2 do ano pasado e cos 54,8 de 2010. En opinión de José Ángel Docobo, son especialmente chamativos as cifras do mes de setembro, moi por riba da media, causadas na súa opinión polo achegamento dunha borrasca atlántica inusual nesta época pero que xa ten acontecido noutras veces. Non obstante, a temperatura máxima acadada correspóndese coas cifras medias desta época, xa que o pasado día 2 medíronse 33º1, tendo sido a máxima de agosto de 31º6 (día 31) e 30º5 a de xullo (día 16). Estes días, xunto co 1 de setembro (32º2) e o 22 de xullo (30º1) foron os únicos cinco días con máximas superiores aos 30º. A temperatura mínima rexistrada foi de 9º9, medidos os día 4 e 14 de agosto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2014.