O CITT valora a actividade desenvolvida en 2013 no campus de Lugo e acorda a renovación do convenio para 2014

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o vicerreitor de Desenvolvemento Tecnolóxico, Andrés Barreiro, presidiron este luns a reunión da comisión de seguimento do Centro de Investigación e Transferencia Tecnolóxica (CITT) da sede universitaria luguesa.
A deputada delegada da Área de Economía da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto; o secretario xeral da Confederación de Empresarios Lucenses (CEL); Luciano Sánchez, en representación de Caixa Rural Galega, e Ramón Mazoy e Mar García Ramil, do CITT, tamén participaron nesta reunión da comisión de seguimento do CITT, unha xuntanza que serviu para valorar e destacar a actividade desenvolvida ao longo de 2013, tanto como no que atinxe a proxectos e accións realizadas, como aos investimentos e recursos financeiros xestionados a través das distintas convocatorias públicas e outras contratacións. A proposta de renovación do convenio do CITT, no que participan a Deputación Provincial de Lugo, Caixa Rural Galega e a Conferencia de Empresarios Lucenses, para o exercicio 2014 foi outros dos asuntos aprobados por unanimidade por todos os presentes nunha reunión que permitiu constatar a destacada produción científica e de investigación que mantén o campus de Lugo.