Pasar al contenido principal

O IV Ciclo Universitario oferta no campus de Lugo 27 materias de temática sociocultural sanitaria e ambiental

Fraga, López, Bueno e Carral, na sesión inaugural do IV Ciclo Universitario, na Casa do Saber de Lugo
Fraga, López, Bueno e Carral, na sesión inaugural do IV Ciclo Universitario, na Casa do Saber de Lugo
Bueno e Carral presentaron a programación do novo curso 2014-15 nunha sesión inaugural na que Enrique Fraga ofreceu un relatorio sobre a análise de riscos

O IV Ciclo Universitario da USC ofrecerá o vindeiro curso académico 2014-15 no campus de Lugo un abano de 27 materias de temática cultural, social, sanitaria e ambiental e estruturadas en catro anos formativos, dous de formación xeral e os dous últimos de especialización, segundo indicaron este xoves o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e Emilio Carral Vilariño, coordinador no campus lugués deste programa de formación independente dos estudos universitarios e dirixido a persoas maiores de 50 anos.

A actividade académica do IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo para o novo exercicio académico, cuxo prazo de matrícula aínda permanecerá aberto ata o vindeiro día 3, comezará ao longo da semana do 13 de outubro. As distintas sesións lectivas programadas, que serán impartidas por preto de 30 relatores, dos que máis do 80% son profesores no campus de Lugo, desenvolveranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, nos distintos centros do campus universitarios. Os obxectivos marcados pola USC para este programa de formación sénior cara o novo curso non presentan variación algunha e pasan por ofrecer ás persoas maiores de 50 anos a posibilidade de participar e compartir procesos formativos e de extensión cultural, propios do contexto social e institucional universitario, ademais de promover a súa formación universitaria con criterios interdisciplinares. A superación dos catro cursos nos que se estrutura do IV Ciclo Universitario da USC, un programa formativo no caso de Lugo rexistra nos últimos anos a matrícula dunhas 150 persoas, dará dereito ao diploma de graduado sénior e tamén permite optar ao título de ‘Graduado Excelsior’, para o que cómpre facer un traballo de investigación baixo a dirección dun ou varios profesores da USC. A sesión inaugural e de presentación da programación do IV Ciclo Universitario da USC no campus de Lugo para o curso 2014-2015, un acto que congregou máis de medio centenar de asistentes no auditorio da Casa do Saber, completouse cun relatorio de Enrique Fraga, que falou sobre o pasado, presente e futuro das análises de riscos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.09.2014.