Pasar al contenido principal

O IDEGA e o Consello Económico e Social de Galicia convocan o Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia

O Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social de Galicia convocan o premio ‘Valentín Paz Andrade’ de Investigación en Economía de Galicia para destacar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar da cidadanía. O premio terá unha dotación económica de 2.000 euros. Poderán concorrer todos os traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, con independencia do idioma no que estean redactados. Con carácter excepcional, á convocatoria de 2014 poderán presentarse traballos publicados nos dous anos anteriores. Ata o 30 de setembro, calquera profesor/a, investigador/a ou institución pode facer chegar á secretaría do IDEGA a súa proposta de candidatura ao premio con indicación de autoría, título e información de edición, engadindo unha copia en papel e acceso electrónico ao recurso. Os membros do xurado poderán achegar tamén as súas propostas na xuntanza de constitución. O xurado integrarano o reitor, a presidenta do CES Galicia, o director do IDEGA, un membro do Consello Científico do Instituto universitario, outro do CES e tres persoas de traxectoria recoñecida no ámbito da investigación en Ciencias Sociais en Galicia. O ditame do xurado deberá adoptarse por maioría dos seus membros tendo en conta a relevancia da contribución para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia e para a mellor asignación dos recursos, o impulso ao crecemento ou ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2014.