Pasar al contenido principal

O Grupo Compostela conmemora o seu vixésimo aniversario

O comité executivo celebrou este pasado mes de xullo unha xuntanza na USC
O comité executivo celebrou este pasado mes de xullo unha xuntanza na USC

O Grupo Compostela de Universidades conmemorará este xoves 25 e o venres 26 o seu vixésimo aniversario na Universidade Adam Mickiewicz en Poznan (Polonia), onde ademais se vai celebrar a XX Asemblea Xeral do grupo. Máis de sesenta reitores, vicerreitores e outros representantes das 67 universidades de 28 países diferentes que forman o grupo confirmaron a súa asistencia ao evento no que participarán as tres universidades galegas. No acto conmemorativo destes primeiros vinte anos de vida da rede universitaria, intervirán representantes de institucións clave para o seu desenvolvemento como o reitor da USC, Juan Viaño, que tratará o papel das redes universitarias para o establecemento de sinerxías na educación superior. Ademais homenaxearase ás institucións universitarias fundadoras do Grupo Compostela e aos membros dos comités executivos da asociación dende 1994 á actualidade. Entre estes últimos atópanse os anteriores reitores da USC durante o período de existencia do Grupo. Asemblea Xeral A celebración do aniversario terá lugar durante a Asemblea anual do Grupo Compostela ao abeiro da que tamén se celebrarán dous seminarios paralelos sobre investigación e mobilidade interuniversitaria e terá lugar a primeira edición dos ‘Diálogos de Compostela sobre Educación Superior’. Esta iniciativa consiste na celebración do primeiro dunha serie de eventos nos que se tratarán de forma monográfica liñas temáticas transversais de relevancia para as institucións de educación superior no plano global. Baixo o título, ‘Promoción do capital social, a saúde e o desenvolvemento na universidade no seu conxunto’, o venres 26 a partir das 14.00 horas, os participantes asistirán a unha serie de conferencias e debates arredor da importancia de transmitir valores a través do ensino universitario, nun modelo no que estes se combinen de forma harmoniosa cos coñecementos e as habilidades que os titulados superiores deben posuír para contribuír axeitadamente ao benestar e ao progreso da sociedade, así como para previr os problemas de corrupción que teñen afectado ás sociedades europeas nos últimos anos. Como conclusión do evento, elaborarase e adoptarase unha posición conxunta dos 67 membros do Grupo Compostela, a ‘Declaración de Poznan’, que se fará chegar tanto a instancias políticas como a medios de comunicación, buscando un verdadeiro impacto social.

Como en ocasións anteriores, a reunión anual do Grupo terminará coa cerimonia de entrega do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. O galardoado nesta XVIII edición é o científico sueco Lennart Levi, a quen se recoñece a súa traxectoria interdisciplinar na investigación sobre o estres e outras enfermidades psicosociais. Doará a suma do premio (6.000 euros) á ONG Médicos Sen Fronteiras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2014.