Pasar al contenido principal

A Oficina Europea de Patentes dá a coñecer as súas actividades no campus compostelá

Celebrará unha xornada o próximo día 29 no CiTIUS para dar a coñecer o labor da organización e as súas oportunidades de traballo

A EPO (European Patent Office) celebrará o próximo luns 29 no CiTIUS unha xornada de presentación para dar a coñecer o labor da organización e as oportunidades de traballo que ofrece. A Oficina Europea de Patentes é unha organización internacional na que traballan preto de 7.000 persoas con 31 nacionalidades diferentes, das cales, en torno a 4.000 son examinadores de patentes. Ten as súas sedes en Múnic, A Haia e Berlín, e os idiomas oficiais de traballo son o inglés, francés e alemán. No acto, explicarase o labor desta institución, o traballo como examinador da EPO e as oportunidades de traballo que ofrece, nunha contorna estimulante e internacional, á vangarda da tecnoloxía e con amplas oportunidades de desenvolvemento profesional. A xornada está dirixida principalmente a estudantes, graduados/as ou doutorandos/as de disciplinas técnicas como Bioloxía, Física, Matemáticas, Química e enxeñarías. Tras a presentación, os asistentes que así o desexen terán a oportunidade de realizar unha entrevista informal co persoal da Oficina Europea de Patentes, que cada ano recruta en torno a 200 novos examinadores. As pre-entrevistas realizaranse no idioma oficial da EPO elixido polo candidato e nelas analizaranse brevemente as habilidades técnicas e o nivel de idiomas dos participantes. Non se require experiencia previa, aínda que esta será valorada favorablemente. Ao finalizar a entrevista, os representantes da EPO poderán invitar ao candidato/a a solicitar o traballo de xeito oficial ou facerlle algunha suxestión de mellora do seu CV para aumentar as súas posibilidades de contratación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2014.