Unha mostra fotográfica na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultura achega a evolución no tempo da cultura xitana

A exposición ‘Cultura xitana: pasado e presente’ abriu este venres as súas portas na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultura (planta baixa da Biblioteca Xeral) propoñendo un percorrido visual pola historia deste pobo con lingua propia e que, segundo os promotores da iniciativa, representan un exemplo dunha diversidade cultural que atinxe á presenza e interactuación dos xitanos cos distintos pobos europeos cos que entrou en contacto ao longo da historia. A exposición está producida por Studii Romani, organización non gobernamental búlgara que forma parte da rede de institucións vencelladas a campUSCulturae e que está especializada no estudos dos pobos xitanos europeos. A mostra chega a Compostela procedente de Portugal, Alemaña e Polonia coa idea de romper a imaxe estereotipada construída ao longo do tempo arredor de xitanos e xitanas. Con esta intención, a proposta expositiva mostra a evolución experimentada pola cultura xitana ao longo dos séculos focalizando a atención nunha dimensión etnográfica que deixa constancia da vida cotiá deste colectivo presente dende hai século na historia europea. O acto inaugural da mostra presidiuno na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultura (planta baixa da Biblioteca Xeral) o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, xunto a quen tamén participaron a representante de Studii Romani, Sofiya Zahova; a secretaria en Santiago da Fundación Secretariado Gitano, Ana Isabel Suárez; e o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira. Ao acto asistiron tamén estudantes de secundaria de distintos centros de ensino composteláns así como estudantado da USC que presenciaron a actuación musical do Isaías Salazar Trío. A continuación do acto inaugural, a experta en culturas xitanas, Sofiya Zahova, pronunciou a conferencia ‘Roma Culture: past and present’, que pechou a xornada inaugural. Ao longo da vixencia da mostra, aberta ata o próximo 26 de novembro, prevese a organización de visitas guiadas para aqueles grupos que previamente o soliciten na Área de Cultura da USC.


