Pasar al contenido principal

Remata o prazo de preinscrición do obradoiro para mellorar o discurso oral nun nivel formal en galego

O alumnado de calquera titulación de grao ou mestrado cun nivel de Celga 4 ou equivalente é o destinatario dun obradoiro que o Servizo de Normalización Lingüística organiza en outubro para mellorar o discurso oral nun nivel formal en galego. Desenvolverase na Facultade de Filoloxía do 13 ao 30 de outubro, de luns a xoves en horario de 17.00 a 19.00 horas, cunha carga lectiva de 25 horas e validable por un crédito ECTS. A preinscrición poderá formalizarse ata o 5 de outubro na secretaría virtual. O contido achegará ás persoas que o cursen habilidades sociais e comunicativas (para combater o medo a falar en público, dominar a linguaxe non verbal ou a asertividade), competencias discursivas orais (prestando atención a argumentación ou á necesidade de comprender os conceptos de adecuación, coherencia e cohesión aplicados á oralidade) e competencias lingüísticas orais (utilización das vogais, consoantes características, encontros vocálicos, prosodia ou melodía en galego). As 22 prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición dando preferencia, por esta orde, ao alumnado de Filoloxía, ao doutras titulacións da USC e persoal docente e investigador e de administración e servizos da Facultade de Filoloxía. A matrícula ten un custe de 30 euros que será preciso aboar como máis tardar ata o día 9 de outubro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2014.