Pasar al contenido principal

O XVII ForoAcui analizará no Grove os días 9 e 10 de outubro os recursos mariños e a acuicultura das rías galegas

Instalacións de acuicultura
Instalacións de acuicultura
Os cultivos multitróficos centran o programa da segunda xornada, na que intervirán como relatores os investigadores da USC Sebastián Villasante e Alejo Carballeira

A Asociación Cultural do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura celebrará os vindeiros días 9 e 10 de outubro no concello pontevedrés do Grove a decima sétima edición do ForoAcui, estruturado en dúas xornadas de análise e debate a través das que os promotores deste foro buscan actualizar o coñecemento e mostrar os adiantos máis novos nos eidos dos recursos mariños e da acuicultura, ademais de favorecer o contacto entre centros de investigación, empresas e institucións públicas de Galicia, España e Europa.

Esta nova edición do ForoAcui está estruturada en cinco mesas de debate, que se desenvolverán baixo outros tantos epígrafes temáticos: Marisqueo e pesca de baixura; Acuicultura; Empresa e recursos; Acuicultura Multitrófica I, e Acuicultura Multitrófica II. De xeito parello á celebración destas xornadas monográficas, no marco da que tamén terán cabida diferentes leccións maxistrais, o Hotel Illa da Toxa do Grove tamén acubillará o ciclo ‘Cultivando o mar’, cuxa temática da súa vixésima sexta edición versará sobre as distintas problemáticas das especies exóticas nas rías galegas e a incidencia co cambio climático. A relevancia que confire este foro á acuicultura multitrófica integrada (AMTI) denota a importancia que ten unha estratexia produtiva pola que se cultivan distintas especies comerciais de varios niveis tróficos nos que os elementos de desperdicio se transforman en fonte de enerxía. O aproveitamento destes recursos permite acadar, segundo revelan estudos xa realizados es experiencias desenvolvidas, unha actividade benigna para o medio ambiente, diversificada e rendible. Os investigadores da USC Sebastián Villasante e Alejo Carballeira Ocaña serán precisamente dous dos relatores que participen na última xornada do ForoAcui, un marco no que disertarán sobre os aspectos económicos da acuicultura multitrófica, así como dos plans de vixilancia ambiental dos cultivos mariños nas gaiolas flotantes instaladas nas costas galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2014.