Pasar al contenido principal

As xornadas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ apelan á responsabilidade colectiva e ao respecto e posta en valor da natureza

Celeiro, Castro, Viaño e Bueno, na presentación das xornadas na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Celeiro, Castro, Viaño e Bueno, na presentación das xornadas na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
O reitor da USC, Juan Viaño, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentan en Lugo un ciclo de divulgación que inclúe 20 relatorios noutras tantas localidades galegas desde o 24 de...

As xornadas de divulgación científica ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, promovidas pola USC e que contan con financiamento da Xunta de Galicia, a través da Dirección de Turismo, apelan á responsabilidade colectiva que implica o respecto e a posta en valor dos recursos naturais, tal e como subliñaron o reitor da USC, Juan Viaño, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación deste programa, que inclúe 20 relatorios e intervencións diversas sobre cuestións relacionadas con desenvolvemento do territorio e do medio natural noutras tantas comarcas de Galicia.

O reitor da USC salientou na presentación destas xornadas, un acto no que tamén participou o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Javier Bueno, que a súa temática e o obxectivo último deste ciclo é parello ao do campus de Lugo da USC, xa que esta sede universitaria conta cunha serie de estudos e titulacións especializadas no medio natural que tamén conducen a profesións que contribúen ao desenvolvemento e á ordenación do territorio en Galicia. Baixo o título ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’ “queremos fomentar o debate sobre a conservación da natureza e sobre a harmonía do territorio co seu desenvolvemento, coa súa vexetación, coa paisaxe rural e urbana, co desenvolvemento e co respecto ós animais, como premisas irrenunciables”, sinalou Viaño, para logo engadir que “estas mesmas premisas están visibles de xeito transversal no campus de Lugo, tanto na súa actividade docente como na súa investigación e produción científica”. O VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela é o mellor marco que pode atoparse para englobar o ciclo de conferencias sobre temas vinculados coa ecoloxía e a conservación do medido natural, sinalou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que tamén trasladou publicamente os seus parabéns aos promotores do ciclo, en particular, e á USC, en xeral. Castro destacou a natureza como un dos activos máis importantes de Galicia, que conta cunha riqueza paisaxística e cunha ampla biodiversidade que non pasa desapercibida para os visitantes. A directora de Turismo de Galicia indicou neste senso que a Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos representa máis do 12% do territorio de Galicia, unha realidade que reforza a aposta da Xunta polo desenvolvemento sostible e integrado en aras acadar maiores cotas de benestar. “O turismo é unha das industrias máis limpas e sostible”, sentenciou Nava Castro, que logo avanzou que un dos retos da Xunta é o de “situar Galicia como modelo de destino de turismo sostible”, dixo. Estrutura e calendario das xornadas As xornadas de divulgación ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ desenvolveranse os mércores e venres, desde o o 24 de setembro, cunha primeira sesión en Ribeira, e rematarán o 28 de novembro en Tui, segundo indicou o coordinador deste proxecto. O tamén director de Comunicación da USC, Luís Celeiro, explicou que en cada unha das 20 sesións programadas, que se desenvolverán en quenda de mañá e tarde, intervirán un profesor ou investigador da USC, un investigador mozo e un xornalista, que fará as veces de moderador. “Son un total de 60 persoas as que van difundir o coñecemento adquirido e creado en Lugo, dando mostras da fortaleza deste campus da USC, con varias titulacións moi relacionadas co desenvolvemento do territorio e do medio natural, rural e urbano, tanto nas áreas xeográficas do interior como nas costeiras”, subliñou o coordinador das xornadas, que contemplan sesións matinais en centros educativos orientadas a estudantes de Bacharelato e, sesións abertas ao público en quenda de tarde. A primeira das sesións previstas no marco das xornadas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ será en Ribeira o 24 de setembro. Este proxecto de divulgación e sensibilización sobre a conservación do medio natural, visitará o 26 de setembro Sarria, o 1 de outubro Lalín e dous días despois, O Barco de Valdeorras. Redondela, Verín, Padrón, A Fonsagrada, Becerreá, Cee, Caldas de Reis, Celanova, Negreira, Mondoñedo, Pontedeume, Cambados, Melide, Ribadeo, O Carballiño e, finalmente, Tui, enclaves todos eles que son paso dalgún dos distintos camiños que levan a Santiago, que tamén será un dos temas a tratar, tamén serán sede dalgunha das xornadas incluídas neste ciclo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.09.2014.