Pasar al contenido principal

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC rende homenaxe ao violoncellista Paul Tortelier con concertos en Lugo e Santiago

A formación dirixida por Mario Diz ofrecerá este luns 28 un concerto no Círculo das Artes de Lugo e repetirá actuación ao día seguinte na compostelá Igrexa da USC

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC rende homenaxe ao violoncellista francés Paul Tortelier no primeiro centenario do seu nacemento coa celebración de dous concertos no Círculo das Artes de Lugo e na compostelá Igrexa da Universidade, en Santiago de Compostela.

Baixo a dirección de Mario Diz, os violoncellistas Barbara Switalska e Thomas Piel interpretarán o vindeiro luns, día 28 de abril, a partir das 20.30 horas, no Círculo das Artes de Lugo, un repertorio que inclúe, entre outras, obras de Vivaldi, Händel e composicións do propio Tortelier para dous violonchelos solistas e orquestra de corda. Este concerto está incluído na programación musical do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira 2014', que conta con financiamento ao abeiro do convenio Lugo Cultural. A Orquestra do Espazo de Cámara da USC ofrecerá o martes, día 29 de abril, a partir das 20.00 horas, na compostelá Igrexa da Universidade, outro concerto en homenaxe a Paul Tortelier co mesmo repertorio. Paul Tortelier foi nado en París o 21 de marzo de 1914, polo que recentemente cumpriuse o centenario do seu nacemento. Fíxose violoncellista no conservatorio de París ingresando á idade de 12 anos como alumno de Louis Feullard e acadando o primeiro premio de violonchelo deste mesmo lugar aos tan só 16 anos interpretando o concerto de Elgar. O violonchelista foi asociado á obra Don Quixote de R. Strauss xa que foi unha obra que lle outorgaría fama polas súas grandes interpretacións da parte solista segundo se reflicte nos documentos do seu entonces e os rexistros sonoros que realizou da mesma. A Orquestra do Espazo de Cámara fará unha mostra de obras que foron representativas da figura deste violoncellista, interpretando o concerto para dous violoncellos e orquestra de Vivaldi Rv. 513, unha das obras predilectas do homenaxeado, ademais da Trío Sonata para dous violoncellos e continuo en Sol menor de G.F. Händel, na que o propio Tortelier orquestraría para ser tocada con orquestra de cordas tal e como interpretará a Orquestra do Espazo de Cámara, ademais da interpretación do Vals nº1 “Alla Maud”, obra propia do violoncellista. Espazo de Cámara da USC O Espazo de Cámara da USC nace co obxectivo de impulsar nos universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. Co patrocinio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, o grupo que conforma a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Mario Diz, procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para este fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, que se van plasmando de xeito diverso en cada proxecto. Dende o 2010 a Orquestra da Universidade afondou en proxectos tan ilusionantes como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento, o Concerto de Haydn en Re interpretado por Carlos G. Amigo, monográfico sobre Astor Piazzolla e sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela así entre outros moitos, incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, así como profesores relevantes do ámbito musical galego. Recentemente a Orquestra do Espazo de Cámara foi incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan orquestras de máis de 28 nacionalidades de toda Europa. Barbara Switalska Naceu en Wroclaw e comezou a estudar violonchelo aos seis anos cos profesores Stanislaw Malek e Feliks Tatarczyk. Entre 1991 e 1995 estudou na Escola Superior de Música Raíña Sofía en Madrid, onde foi galardoada coa mención de honor nos cursos 1992/93 e 1993/94, sendo alumna de Iván Monighhetti. Participou nas clases maxistrais de Natalia Gutman e Franz Hemerson. Gañou o concurso nacional de violonchelo do seu país en 1989, e nese ano e en 1990, o primeiro premio do Concurso Nacional de Cámara. En 1992 obtén o segundo premio no certame Nicanor, premio especial como alumna máis destacada de devandita institución. En España, actuou no Auditorio Nacional da Música, no Centro Cultural Caixanova, na Fundación Juan March, no Museo do Prado, etc. Na actualidade é violonchelista coprincipal da Real Filharmonía de Galicia. Thomas Piel Nace en Colonia (Alemaña), comeza os seus estudos musicais no conservatorio da súa cidade natal e continúa a súa formación na Folkwang-Musikhochschule de Essen con Christoph Richter, onde no 2000 obtivo a súa diplomatura con honras. Posteriormente realizou un curso de posgrao con Ksenija Jankovich e asiste a clases maxistrais con M. Carneiro, E. Chiffoleau, S. Palm, T. Demenga e, no Folkwang-Festival, con M. Rostropovich. Colaborou coa Junge Deutsche Philharmonie e ou Ensemble Resonanz. En 1998 foi cofundador do ensemble "eMeX", especializado en música contemporánea. Foi primeiro violoncello solista da Westphaelische Kammerphilharmonie Gutersloh entre 1997 e 2001, e participou na academia orquestral do Bayrischer Rundfunk baixo a dirección de M. Rostropovich. O seu interese polos grandes violonchelistas do pasado levouno a facer recitais e conferencias sobre Gaspar Cassadó, Pau Casals, Enrico Mainardi e Paul Tortelier. Actualmente ensina violonchelo na Escola de música Berenguela en Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2014.