Pasar al contenido principal

Formación do Profesorado lembra os 60 anos da inauguración do edificio coa instalación de paneis fotográficos das obras

Paneis das obras do edificio instalados no vestíbulo da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo
Paneis das obras do edificio instalados no vestíbulo da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo

A Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo conmemora a celebración do 60 aniversario da inauguración oficial do edificio que acubilla na actualidade o devandito centro universitario coa instalación de dous paneis fotográficos que reflicten distintas fases do proceso de construción da actual sede universitaria.

As obras de construción do edificio que alberga a Facultade de Formación de Profesorado de Lugo comezaron a principios do ano 1949 coa pretensión de servir de sede para acoller as escolas do Maxisterio e as súas correspondentes Graduadas Anexas. O custo total das novas instalacións, logo de acometer unha ampliación do proxecto inicial levada a cabo en 1952, ascendeu a 15 millóns de pesetas. O arquitecto director das obras foi Francisco Navarro Borrás, sendo Severino Martínez Vázquez o contratista das mesmas. O acto de inauguración deste novo complexo xa inicialmente destinado para usos docentes tivo lugar ás seis da tarde do 8 de setembro de 1954. A sesión estivo presidida polo Ministro de Educación Nacional, Joaquín Ruiz-Giménez, que estivo acompañado, entre outras autoridades, polo Director Xeral de Ensinanza Primaria, Eduardo Canto Rancaño, o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Legaz Lacambra, e o Secretario do Consello de Educación Nacional, Manuel Fraga Iribarne.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.09.2014.