Pasar al contenido principal

A USC traballa na certificación enerxética dos edificios da súa titularidade

O CIMUS atópase entre os edificios máis eficientes enerxeticamente do avaliados ata o momento
O CIMUS atópase entre os edificios máis eficientes enerxeticamente do avaliados ata o momento

A Universidade de Santiago de Compostela está a realizar a certificación enerxética dos edificios da súa titularidade en aplicación do Real Decreto 235/2013, documento que establece esta certificación, entre outros, para os destinados á administración pública nunha superficie superior a 250 metros cadrados. A certificación asigna a cada edificio unha clasificación cualitativa que oscila entre o valor A (para os edificios máis eficientes) e G (os que teñen peores condicións térmicas) e unha estimación do consumo anual de enerxía e emisións de CO2 asociadas. De xeito paralelo, a certificación permite detectar novas oportunidades de aforro e implantación de medidas de eficiencia enerxética, detectar o funcionamento ineficiente de equipos ou a viabilidade de implantar novas instalacións de enerxía renovables. Neste momento xa está realizada a certificación dunha ducia de centros que obtiveron unha clasificación entre o valor B e o E. Os edificios analizados foron os institutos de investigación de Santiago de Compostela, edificios administrativos (CACTUS e COIE), o edificio correspondente a Odontoloxía, a residencia Burgo das Nacións e a Biblioteca Concepción Arenal. Nos edificios analizados, os técnicos destacan o efecto favorable das instalacións de enerxías renovables e da coxeración, xa que os centros que dispoñen destes equipamentos de redución de consumos de enerxía foron os que acadaron as mellores cualificacións (CIQUS, residencia Burgo das Nacións, Instituto de Cerámica, Pavillón Estudantil ou CIMUS). No caso particular da residencia universitaria e do Pavillón Estudantil, pese a ser edificios con máis de trinta anos de antigüidade, as súas emisións asociadas están por debaixo do que correspondería debido ao aproveitamento de enerxía térmica procedente da coxeración. A certificación enerxética dos edificios foi realizada dende a Unidade de Enerxía e Sustentabilidade da USC co personal adscrito á Área de Infraestruturas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.09.2014.