Pasar al contenido principal

O reitor recibiu ao embaixador de España en Brasil

Juan Viaño recibiu a Manuel de la Cámara no despacho reitoral
Juan Viaño recibiu a Manuel de la Cámara no despacho reitoral

O embaixador de España en Brasil, Manuel de la Cámara Hermoso, mantivo este xoves 11 un encontro co reitor da USC Juan Viaño no que tiveron ocasión de dialogar sobre as relacións que en materia educativa manteñen Brasil e institucións educativas de Galicia. Manuel de la Cámara destacou a colaboración que as universidades españolas e particularmente as galegas manteñen co país latinoamericano a través dos programas anuais de intercambio de estudantes así como no ámbito da investigación con liñas que agrupan a equipos de ambos lados do océano. Neste eido, tanto o reitor como o embaixador destacaron a importancia de iniciativas como os cursos de Emprendemento e Liderado para mozos brasileiros desenvolvido hai unhas semanas na USC no marco do programa de Brasilia Sem Fronteiras ou as colaboracións celebradas en cursos pasados no marco do programa programa Ciência sem Fronteiras que trouxo ao Campus de Lugo a estudantes brasileiros. Embaixador de España en Brasil dende o ano 2012, Manuel de la Cámara atópase estes días en Galicia para realizar o Camiño de Santiago. Con anterioridade a este cargo ten sido subdirector xeral de Asia Meridional e Oriental no Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, ministro conselleiro da embaixada de España en Moscú, subdirector xeral de Política Exterior para América do Norte do ministerio ou secretario xeral da Fundación Consejo España-Estados Unidos e embaixador de España en Turquía e Acerbaixán.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.09.2014.